Centros educativos da provincia participarán nun programa para o fomento do emprendemento

Cinco centros educativos da provincia da Coruña participarán este curso en Eduemprende Actúa, un programa impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o fomento do emprendemento na Formación Profesional. O obxectivo da actuación é poñer en valor o talento emprendedor como ferramenta para o desenvolvemento profesional, para o que se facilita que o alumnado teña contacto directo cunha persoa que teña posto en marcha a súa idea de empresa e que lles narra a súa experiencia en primeira persoa.

Na provincia da Coruña participarán na iniciativa os alumnos do segundo curso dos ciclos formativos IES A Sardiñeira (A Coruña), IES Monte Neme (Carballo), CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), IES de Fene e CIFP Compostela, na capital galega.

O programa enmárcase no Plan de Emprendemento no sistema educativo de Galicia Eduemprende, desenvolvido polas Consellerías de Cultura e Educación e de Economía, Industria e Emprego; concretamente no eixe estratéxico 1, Sensibilización e motivación, que agrupa o conxunto de obxectivos e medidas a desenvolver para que a comunidade educativa perciba a importancia de construír e fomentar a cultura emprendedora, para recoñecer no seu contorno actitudes e valores emprendedores, favorecendo a súa integración nos centros educativos e creando unha conciencia emprendedora.

Fases

Eduemprende Actúa vai dirixido ao alumnado de segundo curso dos ciclos formativos dos centros sostidos con fondos públicos de Galicia, e divídese en varias fases. Na primeira delas o profesorado do módulo de Empresa e iniciativa emprendedora realiza unha sesión na aula para presentar e reflexionar sobre a actividade que se vai desenvolver a continuación.

A fase 2 conta coa participación de persoal técnico do IGAPE, que presentará e coordinará a actividade, contestando ás cuestións, dúbidas e inquedanzas que o alumnado asistente formule. Despois desta introdución unha persoa emprendedora compartirá a súa experiencia persoal co alumnado, e abrirase un debate final sobre as cuestións que poidan interesar aos estudantes. finalmente, o profesorado e o alumnado analizarán na aula o resultado da actividade.

As actuacións desenvolveranse desde o 16 de febreiro ata o 15 de marzo de 2016 e chegarán a máis de 1.700 estudantes de toda Galicia.

Lea también

Monitorizando el agua para que Galicia siga siendo un refugio climático

Augas de Galicia realiza una vigilancia continua de los recursos hídricos mientras sensibiliza a la …