Remata o Concurso de Tapas de Entroido de Narón

As persoas interesadas en degustar as saborosas especialidades culinarias de Entroido que se ofrecen nos dezaoito establecementos de hostalería locais adheridos ao Concurso de Tapas de Entroido organizado polo Concello dispoñen de prazo estes martes e mércores para participar na convocatoria.

Esta cita forma parte do programa Narón Gastronómico, impulsado pola Concellería de Promoción Económica, que dirixe o edil Pablo Villamar. O concelleiro naronés recordou que o certame de tapas remata mañá e anunciou que a vindeira semana se procederá á entrega dos premios concedidos polo xurado tanto para as Tapas de Entroido como para a modalidade de Tapa Creativa e os concedidos por votación popular.

Os locais de hostalería que se sumaron á convocatoria ofrecen tapas de balde coas consumicións desde as 13 ata as 15:30 horas e de 20 a 22:30 horas. Aquelas persoas que degustaron as diferentes especialidades e emitiron o seu voto nos establecementos concederán -cos puntos das súas valoracións- un premio de 250 euros. O xurado popular repartirá outros catro premios: dous de 400 euros cada un para a mellor Tapa de Entroido e a mellor Tapa Creativa, e outros dous por importe de 250 euros para esas mesmas modalidades aos segundos mellor clasificados.

Os dezaoito establecementos de hostalería recibirán un diploma acreditativo pola súa participación. Así mesmo, tamén haberá agasallos para as persoas que participaron na campaña, degustando e valorando as tapas, xa que se sortearán cinco ceas para dúas persoas entre todos aqueles que cumplimentaron os bonos de Entroido 2016.

As persoas interesadas poden obter máis información a través do Facebook –Narón Gastronómico-, onde se mostran fotografías dalgunhas das especialidades coas que os hostaleiros se presentaron a este concurso.

Lea también

Música, maxia, xogos populares e degustación de callos e bolos preñados para celebrar o Día de Narón

  A Praza 23 de Novembro acollerá este sábado os actos do programa co que …

Un comentario

  1. Un adelanto: gana O Pío. ¿Que cómo lo se? Porque está amañado.