O Concelleiro de Participación e Normalización Lingüística de Ferrol, Álvaro Montes, fixo na mañá deste martes balanzo do Foro Cívico Reiniciamos, logo da segunda fase de avaliación celebrada este sábado 30 nas dependencias do antigo Hospicio de Amboaxe, no que tomaron parte medio cento de participante.
«A celebración deste Foro é froito do compromiso do Executivo coa participación cidadá, desde a centralidade e a transversalidade necesaria para esta área, e con buscar novas fórmulas para favorecer a implicación dos veciños no deseño do seu municipio», subliñou o edil, quen sinalou que existe consenso sobre a urxencia de buscar novas canles para implicar a xente moza nos asuntos da cidade, espallar o xermolo da Participación cara os IES e centros educativos do municipio e, especialmente, o de habilitar fórmulas que se sirvan das novas tecnoloxías para favorecer e axilizar a participación veciñal nas consultas da cidade.
Neste senso, anticipou que está a traballar conxuntamente coa concellería de Urbanismo para formular unha consulta cidadá sobre o modelo para a reforma da Praza de Armas para o futuro. «É unha idea forza na que traballar no 2016 abrindo un cronograma e unha fase de votación que marque uns ritmos e afonde na relación cidade-Goberno», adiantou.
Outros puntos claves para a Área de Participación, expuxo Montes, froito do consenso do Foro, pasan pola necesidade de afondar na formación en Participación e de recuperar no prazo mais breve posible os órganos fixados no Regulamento da Participación Cidadá, «que é unha ferramenta útil e que foi pioneira en Galicia e que quedara esquecido nun caixón», asegurou.
«Os pasos a dar este camiño pasan por artellar 23 Asembleas de barrio nos vindeiros meses que serán 46 xuntanzas en total en todos os barrios e parroquias con reunións de ida e volta para a análise do debate e das proposta que se porán en marcha entre febreiro e marzo ao longo de todo o ano 2016 ata a primavera do 2017, no que se lles de entrada a cidadanía non organizada», expuxo o edil de Participación.
O mesmo camiño seguirán os Consellos Sectoriais, asegurou Montes, coa inminente convocatoria do Consello da Lingua «que levaba moito tempo sen ser convocado e que xa foi constituído», seguido por outros como o Consello Municipal da Cultura, o Consello Sectorial de Transparencia ou de Benestar Animal.
ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS 2016
«Trataremos de abordar uns orzamentos participativos de carácter global, con idea de cidade e que definan, entre todos e todas, obxectivos comúns e non unicamente nese marco territorial como se fixo con anterioridade», respondeu Montes.
«A idea global do Goberno local pasa por xerar grandes debates de fondo sobre a idea de cidade desde o contacto directo coa cidadanía, como o transporte metropolitano, por poñer un exemplo dun tema de interese colectivo», dixo o edil apostando pola Participación na cidade.
O sea, que ahora cuestiones como el urbanismo las dirige el concejal de normalización lingüística…. pues sí que estamos buenos!
Que se consulte se se financia a semana santa