A Xunta convoca concurso aberto de traslados en Educación

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá martes a convocatoria de concurso de traslados no curso 2015/2016 entre persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da administración educativa e inspectores de educación.

A Orde foi analizada na mesa sectorial do pasado 12 de xaneiro, onde se informou aos sindicatos dos cambios producidos. O prazo de presentación de solicitudes e documentos será de 15 días hábiles contados desde o día  seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.

ADAPTADO Á XURISPRUDENCIA

O texto da convocatoria adáptase á última xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao respecto, é dicir, ás sentenzas referidas ao concurso de traslados convocado para o curso 2013/2014, que ratificaban a decisión da Consellería de contabilizar os méritos obtidos en situación de interinidade. Neste sentido, modifícase unicamente o subepígrafe 1.1.2, referido á puntuación por cada ano como persoal funcionario de carreira en situación de provisionalidade. O cambio precisamente refírese a que só se contabilizará esa provisionalidade – neste subepígrafe concreto, é dicir, para os que participen no concurso desde a situación de provisionalidade- ao persoal “funcionario de carreira” (con praza en propiedade) e non ao persoal “funcionario” (en xeral, incluíndo aos interinos), como se facía na de 2013.

En calquera caso, os servizos do persoal funcionario interino seguiranse contabilizando ao abeiro dos subepígrafes 1.1.1, 1.1.3, 1.2.1, 1.2.2 e 1.2.3, referidos á antigüidade no centro e no corpo, así como no apartado 4, relativo ao desempeño de cargos directivos e outras funcións.

Ademais, como situación excepcional, este ano convocarase un concurso autonómico aberto á entrada de persoal de outras Comunidades Autónomas, debido a que non o puideron facer no anterior concurso nacional, dadas as sentenzas arredor do devandito proceso do curso 2013/2014.

Lea también

MIRALLAS presenta no CIRS de Cervás, Ares «elas pintan moito» no marco do 25N

Este sábado día 23, o grupo MIGALLAS porá en escea o espectáculo “ELAS PINTAN MOITO”; …