O Concello licita as obras do Centro de Dinamización Sociocultural de Pedroso

naron-pedroso-centro culturalO Concello de Narón licita en 360.948 euros o contrato das obras do Centro de Dinamización Sociocultural de Pedroso, que se localizará nas instalacións da antiga reitoral da citada parroquia. Os traballos a executar na zona terán un prazo de execución de oito meses e as empresas interesadas en presentar ofertas dispoñen de vinte e seis días naturais –contados a partir deste mércores- para presentalas, tal e como se recolle no Boletín Oficial da Provincia de hoxe.

Dos 360.948 euros que se destinarán aos traballos, a Deputación da Coruña sufragará o 80% –en virtude a un convenio xestionado polo goberno local e asinado polo anterior presidente Diego Calvo, o pasado mes de abril-, procedendo o 20% restante de fondos municipais. “A parroquia de Pedroso disporá en 2016 dunhas instalacións en condicións para poder desenvolver diversas actividades nun local municipal concebido totalmente para o uso e goce da veciñanza. Trátase dun proxecto sobre o que levamos moito tempo traballando e que se demorou no tempo debido ás negociacións que tivemos que realizar para adquirir a propiedade á Diócese de Mondoñedo-Ferrol pero que será unha realidade en menos dun ano”, subliñou o alcalde, José Manuel Blanco.

A intervención proxectada contempla o acondicionamento da antiga reitoral de Pedroso e tamén obras nas parcelas nas que se ubica a construción. Na planta baixa haberá unha cafetería con cociña; na alta dous locais para as asociacións da parroquia e o baixo cuberta terá usos polivalentes e de arquivo. Na planta baixa haberá tamén dúas construcións anexas para aseos, escaleiras, ascensor e oficina; e para sala multiusos, almacén e cuarto para as instalacións. A superficie construída é de 417,47 metros cadrados, e a útil de 284,42.

No exterior da edificación adecentarase a parcela, de 800 metros cadrados de superficie, á que se lle darán novos usos a maiores de habilitar un espazo para estacionamento e un área de descanso cun pequeno parque biosaudable.

O goberno local de Narón adquiriu no ano 2010 a antiga reitoral de Pedroso á Diócese de Mondoñedo-Ferrol, unha operación que supuxo ao Consistorio un desembolso de 55.000 euros. A licitación dos traballos para acondicionar o inmoble como Centro de Dinamización Sociocultural da parroquia “permite cumprir un dos compromisos adquiridos polo goberno local coa veciñanza da zona, ao tempo que ampliar a rede de servizos para as persoas que residen nos núcleos rurais de Narón”, tal e como recordou o alcalde, José Manuel Blanco.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …