jjburgoa@hotmail.com-TIRANDO A DAR
Foi unha constante histórica o intento de unión, varias veces proxectado e nunca resolto, entre Ferrol Vello e Ferrol Ilustrado (Xardíns de San Francisco) a través da histórica Costa de Mella, que ten a súa parte baixa lindando coas rúas da Cruz e do Rastro. Nunca se conseguiu salvar esa ampla diferenza de cotas entre o que practicamente era a ribeira costeira o século XVIII, e as alturas dos xardíns de San Francisco e o Paseo de Herrera.
Hoxe se está a levar a cabo un proxecto para acondicionar este entorno, cunha inversión que excede do millón de euros, para recuperar a conexión dos Xardíns de San Francisco coa Costa de Mella a través dunhas escadas tipo lucernario, instalando un ascensor de subida, remodelando o Paseo de Herrera e os Xardíns de San Francisco, acondicionando os baixos abovedados da Costa de Mella e instalando no seu interior un Centro de Interpretación, mentres se levan a cabo outra serie de actuacións.
Á vista doutras actuacións na cidade realizadas por diferentes corporacións municipais -non hai máis que lembrar o sangrante e vergoñento caso do que no seu día fora a praza de España- se presentan una serie de interrogantes neste proxecto. A pregunta máis importante, a pregunta do millón (ese millón de €uros do presuposto) consiste en: ? De que vai ese Centro de Interpretación ¿. Xa se está a falar de “usos diferentes”. ? Cal será o seu contido ¿.
Un Centro de Interpretación, un concepto relativamente moderno, admite moitas “interpretacións” (variantes), mesmo físicas, no seu significado funcional. Desde que os Centros de Interpretación empezaron a proliferar na década dos anos 90, estiveron nos ollo do furacán. Para moitos son meros sucedáneos de pouca entidade dos museos; para algúns trátase dun simple recurso turístico; para outros estamos ante unha casiña de xoguetes. O certo é que a primeira condición que deben cumprir estes Centros deben estar vencellados, física e funcionalmente, aos ben patrimoniais que pretenden “interpretar”.
Cumpre supoñer que unha obra desta entidade e presuposto será reconsiderada e explicada pola nova Corporación. O problema é coñecer que concepto teñen os novos responsables de cultura do Patrimonio Ilustrado, se queren facer algo sobre ese tema e se teñen algunha idea sobre o que se pode facer. Coido que saben que no amplo espazo que existe entre as sardiñadas culturais e as Miradas Virxes tamén hai vida cultural, na forma de amplas e variadas manifestacións.
Por certo, aqueles que ultimamente tanto falan de “museos da memoria obreira”, moi ben, pero que falen mellor de algo máis axustado á realidade, de “museos da cultura do traballo”, un concepto máis moderno, máis amplo, máis ecléctico e máis ponderado.
En todo caso, ante o que parece falta de definición sobre o uso dos baixos abovedados da Costa de Mella, algúns ferroláns propoñen a utilización do mesmo para unha nova ruta turística, neste caso un Túnel da Risa, que podería comezar coa colocación no mesmo das estatuas dos compañeiros Canalejas, Ensenada e o pequeno Nicolás (perdón, o carapuchón da Semana Santa).