O reelixido alcalde de Narón, José Manuel Blanco, o secretario xeral do partido e concelleiro electo, Guillermo Sánchez Fojo e a tamén edil electa Marián Ferreiro reuníronse na tarde deste mércores, día 3, cos representantes do BNG para analizar a viabilidade de reeditar o pacto de goberno. Os tamén concelleiros electos Pablo Villamar e Teresa Sabio e outros dous integrantes da candidatura nacionalista, Marcos Sánchez e Eva Guerrero, participaron no encontro mantido co equipo de TEGA, que foi valorado por este último partido como “satisfactorio”.
Trala reunión ambos partidos non pecharon ningún acordo pero os representantes de Terra Galega emprazaron aos nacionalistas a un novo encontro o vindeiro martes, día 9 de xuño. Será entón cando o BNG comunicará a TEGA se asinará ou non o pacto de goberno, unha decisión que os nacionalistas condicionan a unha asemblea que o seu partido celebrará nos vindeiros días.
A falta de que o acordo entre as partes se pechase hoxe mesmo os representantes de TEGA valoraron a “dispoñibilidade” do BNG para seguir mantendo as conversas co fin de poder materializar de novo un pacto de goberno, ao igual que aconteceu despois das eleccións locais de 2011 no municipio.