O cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas de Narón, Pablo Villamar, explicou na tarde deste xoves, día 21, nas parroquias de Castro e Doso algunhas das propostas da formación á que representa no eido do deporte e o lecer. Villamar subliñou que a aposta da fronte nacionalista está centrada no deporte base e, nesa liña, indicou que o traballo cos máis novos debe ser prioritario á hora de conceder subvencións. «Temos que revisar os criterios e os baremos para a concesión de axudas«, dixo o candidato do BNG-AA, quen engadiu que «esta medida ten que ter cada vez máis peso ante o incremento poboacional que estamos a experimentar nos últimos tempos, en boa medida de xente nova».
Villamar apuntou que ten que haber recursos específicos para a mocidade e por iso considera fundamental non só a elaboración de programas de orientación laboral, senón tamén o pulo a iniciativas que estimulen a creatividade no concepto máis amplo do concepto. A organización de actividades nas zonas de lecer do Concello, tanto na área urbana como na rural, e a posta en marcha dun programa de ocio nocturno -tamén a recuperación do Noitebús- son outras propostas que o BNG-Asembleas Abertas impulsará se chega á Alcaldía.
O candidato nacionalista insistiu no argumento no que vén incidindo ao longo da campaña: que a veciñanza da zona rural ten que ter os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades de acceder aos servizos básicos que os residentes na zona urbana e, por iso, insistiu na importancia de avanzar no saneamento e de que os locais sociais das parroquias, «verdadeiros centros de reunión e socialización da veciñanza», afirmou Villamar, estean nas mellores condicións e cos servizos e equipamentos máis básicos operativos.
Solo palabras hechos ninguno, donde dijo digo digo diego máx de lo mismo lo importante es cobrar a final de mes