A aposta pola mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Narón e pola ampliación das zonas de lecer queda plasmada con proxectos como o anunciado na noite deste martes, día 12, polo candidato de Terra Galega á Alcaldía de Narón, José Manuel Blanco, no local social de Piñeiros, donde comprometeu unha ampla senda peonil e máis zonas verdes. Ao longo da mañá a axenda electoral de TEGA en Narón incluíu o reparto de material de campaña na zona da Gándara e, pola tarde, en Piñeiros, donde acompañaron ao candidato á Alcaldía varios membros da lista de Terra Galega nun recorrido pola zona.
Blanco estivo acompañado no mitin polo secretario xeral do partido, Guillermo Sánchez Fojo, e por dous candidatos da formación, Natalia Hermida e Bruno González. Sánchez Fojo incidiu na súa intervención en que o goberno de Narón “é un exemplo en Galicia” e valorou o feito de que “gobernando catro partidos, con catro sensibilidades distintas pero con entendemento, nuns tempos que non foron sinxelos fomos quen de manter os mesmos servizos municipais ao mesmo nivel que no ano 2011”. Pola súa banda, Natalia Hermida e Bruno González repasaron algunhas das actuacións realizadas durante o mandato que está a piques de concluír.
O candidato de Terra Galega aproveitou a ocasión para aclarar un tema sobre o que se interesan en reiteradas ocasións os naroneses, o Imposto de Bens Inmobles. Blanco incidiu en que é necesario que os cambios partan do Goberno central, en mans do Partido Popular, para que os veciños poidan notar unha baixada no recibo da contribución e explicou que recentemente se aprobou unha moción no Concello para instar ao Goberno central a rebaixar o valor catastral das vivendas. O documento, apuntou o candidato de TEGA, “contou co apoio dos edís do PP, que nos botaron a culpa a nós do prezo ata que Esperanza Aguirre recoñeceu en Madrid que había que baixar o IBI, algo que esperamos que sexa canto antes unha realidade e non fume electoral”.
Blanco recordou aos asistentes que entre as obras máis inmediatas a acometer en Piñeiros está o remate da urbanización da rúa Vaqueira, uns traballos que se encargará de contratar o Concello e que se acometerán con cargo ao aval depositado no seu día pola empresa privada que traballou na zona, tras ser recuperado pola administración local. Pero entre os proxectos de futuro na parroquia está, tal e como anunciou Blanco, a construción dunha senda peonil que discurrirá polas inmediacións da rúa Miguel de Cervantes ata o Camiño das Covas. A intervención suporá un desembolso duns 200.000 euros, con cargo aos que se construirán unha área de lecer e infantil nas inmediacións da residencia de maiores de Piñeiros e outra deportiva, máis preto do campo do Cadaval. “Trátase dun novo proxecto de futuro que permitirá ampliar os espazos de lecer no municipio e, neste caso concreto, no núcleo de Piñeiros”, subliñou o candidato de TEGA.
Obras «inmediatas»! Pero se tiveron 4 anos para facer obras e obras! Entroulle agora a présa ao Sr. Blanco! Andan a tope as cuadrillas polas Casas da Mariña, Concepción Arenal, 25 de Xullo e medio Narón… Vese que as enquisas non lles dan nada ben.