O Cristo dos Navegantes, sinal de identidade de Ferrol Vello

faf-SO  Foro de Amigos de Ferrol da a coñecer o Cristo dos Navegantes, histórica imaxe da Parroquia de Ferrol Vello, protagonista dunha entrañable e arraizada procesión da Semana Santa Ferrolá.

–ooOoo–

Nas costas atlánticas, de Portugal a Bretaña, de Galicia a Irlanda, son abondosas as lendas de santos chegados polo mar. Moitos lugares da costa galega conservan a memoria histórica da arribada á costa da Virxe María  e de certos santos a bordo de naves que logo se transforman en rochas de carácter máxico, os  chamados “barcos de pedra”: o Apóstolo Santiago a Padrón, a Virxe da Barca a Muxía, San Andrés a Teixido ou San Adrián a Vilaboa.

Existe tamén a tradición de que moitas imaxes relixiosas católicas foron botadas ao mar nas Illas Británicas durante a Reforma, sendo logo atopados por mariñeiros españois. Relacionado co anterior está a estendida crenza popular en varios portos galegos dos barcos freados na súa saída de porto porque a imaxe de Cristo transportada no navío amosaba o seu desexo de non saír á mar, sendo desembarcados.

burgoa-12-4-a

Son numerosos os Cristos galegos dos que se conta que chegaron polo mar e que hoxe adobían os altares das igrexas galegas de lugares da costa, onde ostentan o padroado dos mareantes e son obxecto da devoción popular. Ademais do Cristo da Cadea, en Santa María de Neda, entre os máis coñecidos destes Cristos do mar están o Santo Cristo en Santa María de Fisterra; o Cristo da Agonía en San Pedro de Muros; o Cristo da Victoria, na Igrexa Colexiata de de Vigo; o Cristo do Consolo, en Cangas do Morrazo; o Cristo das Augas en A Guarda; e o Santo Cristo, na Catedral de San Martiño de Ourense, entre outros.

 O CRISTO DOS NAVEGANTES DE FERROL VELLO

Unha imaxe de gran devoción entre as xentes do mar de Ferrol é o Cristo dos Navegantes, que se atopa hoxe na igrexa de Nosa Señora do Socorro, no barrio mariñeiro de Ferrol Vello onde goza de gran predicamento. Acompaña-la tamén unha lenda de tradición oral acerca da súa chegada polo mar o século XVII. Conta a tradición que un navío dedicado ao transporte do sal chegou maltreito ao porto de Ferrol por mor dunha galerna. Coa mellora do tempo decidiu facerse de novo ao mar, mais cada vez que se achegaba á bocana da ría desatábanse de novo os ventos. Como se advertira o zumego das táboas da cuberta do buque, retirouse a carga e descubriuse a presenza dunha imaxe de Cristo agachada na salmoira das adegas. Interpretando así o desexo do Cristo de se quedaren na vila, depositouse a imaxe na vella igrexa parroquial.

burgoa-12-4-b

Trátase dunha obra de reputada antigüidade, aínda que non estea ben documentada. Segundo os historiadores procede dunha capela da antiga igrexa parroquial de San Xulián, sendo unha das poucas imaxes que se salvou da vella igrexa. Ao se construír a igrexa de Nosa Señora do Socorro, a talla de Cristo foi colocada no altar lateral dereito do presbiterio.

Considérase que se trata dunha obra anónima datada o século XVII, unha escultura de sequidade e dureza formal, cunha anatomía marcada e sen a menor compracencia estética. A imaxe, de boas proporcións, ten certa expresividade dentro da súa rusticidade e posúe as características da arte barroca popular. Sobre unha cruz sen adobíos, case en forma de tau, amosa un Cristo de tres cravos, musculoso e sufrinte, representado como morto, coas más entreabertas, a súa testa coroada de espiñas, claramente ladeada á dereita, e co pano de pureza de abondosos pregos atado ao mesmo lado.

Non obstante, a imaxe que hoxe en día sae á rúa é unha talla feita en Santiago o ano 1949 polo escultor Enrique Carballido, que foi encargada por mor da conservación da escultura orixinal. A nova imaxe é un Crucificado de tres cravos, más abertas e testa coroada de espiñas e caída ao lado dereito, imaxe que semella máis estar apoiada que pendurada da cruz. É unha obra de certo primitivismo e buscado patetismo, amosando certo parecido formal, mesmo na vestimenta, coas efixies de coñecidos Cristos das igrexas galegas.

O Cristo dos Navegantes constitúe unha referencia histórica e unha sinal de identidade do barrio mariñeiro de Ferrol Vello. Na tardiña do Mércores Santo percorre as rúas do barrio nun paso adobiado simbolicamente de rosas vermellas e caraveis amarelos, acompañado de moitos veciños de Ferrol sen necesidade de pertencer a ningunha confraría. A procesión, que transcorre a cara descuberta, está a pasar por diversas e discutidas alternativas na responsabilidade da súa organización, mesmo variando o seu percorrido histórico, que non impiden que siga sendo a manifestación relixiosa máis sinxela e auténtica dentro da variopinta Semana Santa de Ferrol, reflectindo a tradición do máis antigo barrio da cidade.

 

 

 

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …