Villamar presentou as liñas mestras do programa para as eleccións de maio

villamar-31-3O candidato do BNG-Asembleas Abertas á Alcaldía de Narón, Pablo Villamar, presentou a mañá deste martes, día 31, as liñas mestras do programa que a formación está rematando de elaborar e co que concorrerá ás eleccións do vindeiro 24 de maio. O número 1 da lista destacou o traballo desenvolvido desde novembro de 2011 nas áreas de Promoción Económica –que el dirixe- e Muller e Igualdade –coordinada pola súa compañeira Teri Sabio-, incidindo en dous aspectos: o mantemento dos Servizos Sociais e o saneamento das contas municipais.

“Hoxe podemos dicir, subliñou Villamar, “que a situación económica do Concello de Narón é mellor que a que nos atopamos en 2011. A redución da débeda en perto de catro millóns, a revisión dos padróns fiscais, a redución do gasto –principalmente o eléctrico- e a persecución da fraude permitiron reducir o endebedamento por debaixo do 35%, menos da metade do máximo que marca a lei (o 75%)».

POÍTICA DESCRIMINATORIA DOUTRAS ADMINISTRACIÓNS

 Villamar asegurou que este éxito débese ao esforzo de toda a veciñanza de Narón e que foi posíbel “malia a política discrminatoria doutras administracións, as que goberna o Partido Popular”. “Cos nosos recursos propios”, engadiu, “fomos quen de nos sobrepor”.

De cara á próxima lexislatura, o candidato nacionalista insistiu en que “afondaremos nese camiño xa iniciado: pór ás persoas por riba de todo”. Primeiramente, dixo, “naquelas que están pasando por un mal momento e para iso reforzaremos os Servizos Sociais, incrementarémoslles as bonificacións das diferentes taxas e tributos e daremos a batalla para que os naroneses e as naroneses sexan tratados como o resto d@s galeg@s”. Nese sentido, referiuse ás escolas infantís municipais e ao centro de saúde. No tocante ás primeiras, Villamar lembrou que na lexislatura actual abriu o cuarto centro (o de Xuvia) e conseguiuse que a Axencia Galega de Servizos Sociais asumirá a súa xestión. “O obxectivo é que na vindeira lexislatura se incorporen tamén á rede autonómica as outras tres”. En canto ao centro de saúde, o candidato do BNG-Asembleas Abertas lembrou que existe un compromiso da Xunta de Galiza desde o ano 2008 e que aínda non se materializou.

 ACCESO Á VIVENDA

Outros dos aspectos que terá un lugar prioritario no programa de goberno do BNG-Asembleas Abertas será o acceso á vivenda. Para conseguilo, Villamar é partidario de que o Concello faga de intermediario entre os construtores e promotores e veciñ@s con dificultades para ora en réxime de aluguer, ora a través da compravenda, poder satisfacer a necesidade da veciñanza de dispor dunha vivenda e dos empresarios de darlle saída ao stock de pisos baleiros que hai no municipio.

Rematar o Plan Xeral de Ordenación Urbana e incluír nel un plan de mobilidade que recupere os espazos públicos para as persoas –iniciando tamén o proceso de peonalización- son outras propostas que figuran no programa de goberno nacionalista, canda os planos de formación profesional, as facilidades aos pequenos e medianos empresarios que queiran instalarse no municipio ou o apoio ao tecido comercial local.

Por último, Villamar subliñou que é vital afondar na transparencia e a participación cidadá, así como na revalorización dos sinais de identidade propios como, por exemplo, o mosteiro do Couto, para o que o BNG-Asembleas Abertas propón un ambicioso proxecto de recuperación non só arquitectónico senón tamén patrimonial.

 

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …

2 comentarios

  1. ¡Jajajaja! Que se dejen de rollos. Las líneas maestras son «pactar con Terra Galega y atacar al PP». El resto… puro teatro.

  2. Líneas maestras de Villamar:
    1- Que me aseguren un buen puesto para seguir chupando del bote.
    2- A cambio del 1, mantener a Blanco otros 4 años.