O Concelleiro de Xestión Orzamentaria de Narón, Pablo Villamar, ofreceu na mañá deste xoves, día 19, unha rolda de prensa para presentar a liquidación dos Orzamentos Municipais do ano 2014. O balance de datos (que inclúe as contas do Concello de Narón e do Padroado de Cultura) cumpre os obxectivos de estabilidade orzamentaria e a regra de gasto.
O nivel de débeda total (co Estado e coas entidades bancarias) sitúase no 34,58% dos ingresos correntes axustados, o que supón unha cantidade “netamente inferior ó máximo legal, que é do 75% do orzamento. Isto significa que estamos por debaixo da metade no nivel de débeda” indicou Pablo Villamar.
Asimesmo, no ano 2014 o Concello de Narón xerou unha capacidade de endebedamento de 3.751.408€, dos cales máis de 1 millón de euros foi empregado na amortización da débeda. Polo tanto, quedan algo máis de 2 millóns de euros que se poderán empregar tanto en amortizar a débeda coma en investimento sostible. “Estes datos avalan o traballo e o esforzo que está a realizar o Concello de Narón, que ten unha situación económica saneada” declarou o Concelleiro de Xestión Orzamentaria.
Outra cifra importante é a dos dereitos recoñecidos, que a día de hoxe están cifrados en 29.003.007€, dos cales 25.427.232€ son obrigas recoñecidas e 3.575.775€ correspóndense con ingresos por recursos propios (obtidos pola mellora na recadación fiscal e na redución dos gastos de consumo eléctrico e de persoal, entre outros).
Con respecto á débeda pendente do Concello de Narón, o responsable municipal explicou que non existe nin cos suministradores nin cos proveedores, e o período medio de pago é dunha máxima de 22 días.