O gaiteiro Xosé Manuel Budiño chegará este xoves, día 6, ó Pazo da Cultura de Narón para presentar o seu novo traballo discográfico, titulado ‘Sotaque’. As entradas poden adquirirse nas billeteiras do Pazo, ó prezo de 9,50€ para público xeral, e 6,65€ para abonados, usuarios de carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e desempregados.
O concerto de música folk comezará ás 20:30 horas, cunha duración prevista de 1 hora e 30 minutos, e diríxese a tódolos públicos.
Budiño é un artista atípico, un músico co seu “sotaque”, un compositor que esperta admiración entre os seus, un creador engaiolante que enraíza a súa música na tradición galega, mesturada sutilmente cos sons máis contemporáneos.
Ata o de agora, Budiño leva publicados seis traballos discográficos: Paralaia, Arredor, Xume de Terra, Home, Volta, e este último que fai o número seis: Sotaque.
Este traballo, de composición propia, reflicte a pegada da música tradicional e en especial da percusión galega, sempre tocada e pulida a man, xunto coa utilización da electrónica co acento característico de Budiño, co seu ‘Sotaque’. Trátase dun álbum conceptual onde as diferentes gaitas, percusións e voces galegas teñen o labor de marcar o ritmo ao longo de nove músicas compostas por Budiño máis unha peza tradicional, chea de sutileza e vitalidade.
Budiño ten levado as súas composicións por todo o planeta, enchendo teatros de público ávido de gozar coas súas actuacións. Cidades como Xangai, Damasco, Beirut, Casabranca, Tánxer, Frankfurt, Milán, Glasgow, Bos Aires, Bogotá ou México D.F. poden dar boa conta diso.