O Patrimonio Industrial de Ferrolterra

foro amigos ferrol-1O FORO DE AMIGOS DE FERROL DEFENDE A EXISTENCIA EN FERROLTERRA DUN PATRIMONIO INDUSTRIAL DE SEU, SALIENTANDO A PRESENZA DE NUMEROSOS ESTUDOSOS E COÑECEDORES DO MESMO

Fronte ao antigo e restrinxido concepto de Patrimonio Histórico-Artístico, hoxe contémplase un Patrimonio Cultural máis amplo, concibido como un legado das xeracións precedentes, que reflicte a historia, a cultura do traballo e as formas de vida do home. Deste xeito cumpre incluír no mesmo ao Patrimonio Industrial, poñendo en valor os seus bens máis sobranceiros, tanto tanxibles e intanxibles, en materia científica e técnica.

Ferrol iniciou a súa andadura industrial no século XVIII, por mor da nova política naval borbónica, ao se crear os Estaleiros Navais do Norte, primeiro na Graña o ano 1726, e logo en Esteiro o ano 1750. Nese intre, este complexo da construción naval deu un forte pulo a industrias e manufacturas como os muíños de río e de marés, os fornos de pan, as fábricas téxtiles e tenerías, as fábricas de lona e de enxarcia, os centros de fundición e metalurxia, destacando na comarca a Real Fábrica de Xuvia. Sentáronse así as bases dunha industria e unha cultura del traballo que levou ao desenvolvemento económico da Terra e Mar de Ferrol.

burgoa-2-a

 

Froito da industrialización das Reais obras que o século XVIII deron orixe ao Arsenal de Ferrol, tivo lugar un desenvolvemento da construcción naval desde os primeiros estaleiros da ría ata a actual Navantia, rematando coa posterior industrialización de Ferrol durante os séculos XIX e XX, representado polos estaleiros da Graña e as tristemente desaparecidas fábricas e factorías ferrolás de PYSBE, FENYA, Hispania e Peninsular maderera, entre outras.

Todo este importante Patrimonio Industrial do que dispón Ferrol e a súa comarca foi estudado, tanto no seu aspecto tanxible como intanxible, por numerosos especialistas da cidade e a súa área de influencia, entre os que cumpre salientar a José María de Juan-García, Justino Fernández Negral, Manuel Lara Coira, Guillermo Llorca, Rosa Méndez Fonte, Andrés Pena, Juan A. Rodríguez Villasante, Manuela santalla e Alfredo vigo, aos que se podería engadir a Juan J. Burgoa que na súa recente publicación «Ferrol y su comarca.El Patrimonio Industrial», fai un percorrido por este abondoso Patrimonio e polos traballos dos devanditos estudosos de Ferrolterra.

burgoa-2-b

Semella claro que Ferrol ten un importante Patrimonio Industrial de seu e dispón dun numeroso  grupo de coñecedores do mesmo, como quedou demostrado nas moitas e variadas publicacións dos citados especialistas. Téñense os vimbios para facer o cesto; o que se bota en falta é o cesteiro. Quizais algún  día nosa cidade sexa quen de levar a cabo un Congreso sobre o noso Patrimonio Industrial.

Lea también

Alumnado del CIFP Leixa en Ferrol visita la exposición de maquetas de Carlos Macías

La concejala de Turismo de Ferrol, Maica García, acompañó al alumnado del curso de Animación …