Nun comunicado o grupo municipal de Esquerda Unida considera que o PP anda a cegas tanto en estacionamento de superficie como en transporte e peonalización.
«Comentaba un concelleiro no pleno de marzo deste ano, onde se ía aprobar inicialmente a Ordenanza Reguladora de Estacionamento, que xa Jorge Juan delimitara perfectamente o barrio da Magdalena caracterizando a súa diferencial morfoloxía urbana. Queríase dicir que o centro histórico de Ferrol é como é, coa súa trama e o seu ancho de rúa etc. E que polo tanto non hai solución máis alá do “parche” que se propón. Todo para xustificar o inxustificable: a ORE fíxose sen información e transparencia, con grao de participación ínfimo. Fíxose ademais inicialmente para o conxunto da cidade e no transcurso do pleno, in voce e de maneira surrealista, restrinxiuse só para a zona que o ilustre mariño e humanista ferrolán delimitou, como dixo o respectable. Respectables, tamén, as consultas ás entidades veciñais e de comerciantes do barrio rexistradas no catálogo de asociacións do Concello pero manifestamente insuficiente se queremos falar de participación cidadá.
En todas as cidades, todas, onde se regulan as cuestións que afectan aos cascos históricos o proceso de debate abarca ao conxunto da cidade e non só en canto aos órganos de representación, obvio, senón aos procesos de participación cidadá. O casco histórico é cidade consolidada e no noso caso é a zona de servizos centrais e sede de organismos públicos polo que a súa ordenación en canto a aparcadoiros de superficie e tráfico rodado aféctalle ao conxunto de cidadáns e cidadás da cidade. Estáse a falar, cando se tocan estes aspectos, de dúas categorías esenciais para sabermos de que falamos cando discutimos disto:
Primeiro, o modelo de cidade que queremos.
Segundo, a complexidade urbana presente nas solucións.
Nada diso se acometeu cando en marzo de 2014 se aprobou a ordenanza de estacionamento de maneira improvisada e descontextualizada do resto dos problemas que conforman o modelo e a complexidade urbana: a concorrencia de solución peonil, rede bicicleta, transporte público, espazo urbano e racionalización e , por suposto, estacionamento. Pero o estacionamento na Magdalena e os seus problemas, por exemplo o déficit teórico residencial, non é un asunto que se poida facer fóra do contexto con outras solucións, ao chou, mesmo con propostas contraditorias, sen información previa, con feitos consumados etc.
En definitiva: non estamos perante unha situación onde o que se dirime sexa que cantidade de tarxetas de residentes vai haber, nin se van ser unha por automóbil que paga rodaxe(é dicir , dúas mil tarxetas) ou non. Estamos perante unha situación que é máis complexa que todo iso e que comporta políticas de racionalización do espazo público, de limitación da circulación para vehículos, de transporte público adaptado ao barrio etc. En definitiva un diagnóstico e unhas propostas de solucións integrais que distan moito de ser do que fala a ORE que, se pretende, implantar.»