O Teatro Avenida foi o sábdo 17 o escenario para a posta de longo do Roi Casal e a súa banda na cidade de Buenos Aires, dentro da xira internacional do artista baixo o nome “Pura esencia de Galicia”, que xa o levou a Montevideo o pasado día 13 e que rematará o vindeiro día 20 de maio en La Habana. Este é o primeiro concerto logo de coñecerse que o músico galego foi gañador do Premio Internacional Cubadisco 2014, un dos máis prestixiosos no ámbito musical, organizado polo Instituto Cubano de Música e o Ministerio de Cultura, e que tivo como un dos gañadores o ano pasado ao compositor Paco de Lucía.
Durante o concerto, Casal, puxo no escenario o espectáculo que o caracteriza, cun grupo composto de sete músicos, e interpretou os mellores temas da súa discografía, incluídos os do seu terceiro traballo discográfico, “Donos do noso destino”. O músico cualificou o evento “como un dos máis importantes da miña vida, polo marco incomparable onde se desenvolveu”, en referencia ao importantísimo Teatro Avenida. O concerto, que se celebrou o Día das Letras Galegas, “serviu para trasladar as nosas letras, os nosos acordes e os nosos sentimentos aos galegos de Buenos Aires e de Arxentina, que se emocionaron co tema Adeus, adicado á emigración, mais tamén aos centos de arxentinos que queren disfrutar da música en galego”.
O concerto contou coa participación de Marcelo Fernández, do grupo Xeito Novo, de Buenos Aires e de Nando Casal, de Milladoiro, ademais de acudir representantes de distintas colectividades galegas e españolas en Buenos Aires, e numerosas autoridades.