O Grupo Municipal Socialista, a través da súa concelleira María López, cualifica» de alarmantes as informacións recabadas sobre as vivendas de Recimil rehabilitadas polo goberno local, despois de interesarse na comisión de benestar de hoxe xoves, día 8, polo tema.
Neste senso, a información proporcionada ao Grupo Socialista na devandita comisión é que existen un par de vivendas aínda en proceso de rehabilitación, e que en breves adxudicarase unha delas, fronte ás 30 vivendas que prometía o goberno local, fai uns meses, e que anunciou a súa entrega para o mes de setembro.
Dada a demora do goberno local na súa xestión, a este respecto os e as socialistas alertan de que poden perigar a partida de 300.000 euros, emenda socialista que tanto custou introducir no presuposto deste ano, xa que senón se poñen á tarefa urxentemente a partida pode quedar sen utilizar. “Non vaiamos a descubrir que aceptaron introducir esta emenda, nunha operación para lavarse a cara ante a presión social da cidadanía, sen unha verdadeira vontade política de abordar o tema.”
Xogar coa necesidade da xente
Os socialistas censuran o comportamento do goberno local, considerando que “é moi aventurado e grave que se xogue con algo tan sensible, como é a necesidade da xente, xerando dende o goberno local falsas expectativas ás familias que levan dous anos esperando por unha vivenda digna”, denuncia a concelleira socialista.
Neste senso, o Grupo Municipal Socialista manifesta que» á par que existe un abandono deste tema, nada prioritario para o goberno, vemos que se está a iniciar a obra caprichosa da praza de España, denunciando que o goberno popular priorice a estética fronte á ética».
Dar solución a unha necesidade social
Para concluír, María López insta unha vez máis a rehabilitar as vivendas de Recimil prometidas polo alcalde fai meses, e a darlle solución a esta necesidade social tan grave, entendendo que “isto si merece un trámite de un urxencia, e non outras contratacións”, aludindo ao recente proceso de contratación das festas de verán e Nadal do 2013 e 2014. “Cando menos,-insisten os socialistas- que o alcalde cumpra a súa promesa de rehabilitación de 30 vivendas para o mes de setembro, así como a execución do total da partida presupostada para este fin neste ano.”
Así, o Grupo Municipal Socialista se mostra decepcionado e defraudado, despois do empeño do devandito grupo para conseguir unha asignación presupuestaria para a rehabilitación das vivendas municipais, lembrando que xa ao inicio do mandato reclamáronlle ao goberno local que executase o programa de Cooperación, así como a non eliminación da partida existente no capítulo de inversión do 2011, que deixou presupostado o goberno socialista anterior para a recuperación de Recimil.
Así mesmo, lembran que no 2012, o Grupo Municipal Socialista propúxolle ao goberno local que unha parte substancial dos 600.000 €, procedentes dos fondos do programa “Deputación para todos os Concellos” se destinasen á rehabilitación, e en novembro presentaron unha moción integral en materia de vivenda, rexeitadas ámbalas dúas propostas polo goberno popular.
«Finalmente, nos orzamentos deste ano-sinalan- nas nosas propostas incluímos 500.000 € para a rehabilitación de vivendas, conseguindo na aprobación definitiva unha partida de 300.000 euros para este fin, reclamando xa en marzo a presentación do proxecto en patrimonio, para iniciar os traballos de recuperación e entregar as vivendas á máxima brevidade.» “Urxe a rehabilitación para que as familias que están a espera destas vivendas, poidan dispor canto antes das mesmas”, claman os e as socialistas.