O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe martes, día 2, que, grazas “a unha política económica responsable, que non gasta máis do que ten e que paga o que debe”, este ano se porán en servizo en Galicia 50 novos quilómetros de Vías de Alta Capacidade.
Así o sinalou no acto de posta en servizo da Variante de Ortigueira, que incorpora aos veciños de Ortigueira, Cerdido e Mañón ao obxectivo de situar ao 80% da poboación de Galicia a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade. Deste xeito, xunto coa propia Variante de Ortigueira, sumaranse a este obxectivo a Vía Ártabra, a recentemente inaugurada autovía Ourense-Celanova, o treito III da VAP Tui-A Guarda ou a primeira fase de conexión entre O Pino e Bora, en Pontevedra.
Na súa intervención, o presidente galego destacou que se traballa “coa previsión de poder tramitar este 2013 un total de 77 expedientes de novas actuacións de obras que suporán a licitación de case 43 millóns de euros, un 19% máis que o pasado ano”, adiantou. Nesta liña, anunciou que se mobilizarán preto de 270 millóns de euros en obras e contratos de servizo; facendo especial énfase en que o 41% irá destinado a investimentos en materia de conservación e seguridade viaria.
Xunto co presidente estaban presentes o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, Agustín Hernández; a delegada de Xunta na Coruña, Belén do Campo; o subdegelado do Goberno, Jorge Atán e o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón quen manifestou que para o seu concello a xornada de hoxe era «un día histórico». Tamén estaban presentes os membros da corporación municipal e diversas representacións.
Variante de Ortigueira
O titular da Xunta resaltou que a inauguración da Variante de Ortigueira supón “pór en valor unha zona difícil orograficamente, pero de extraordinaria beleza paisaxística” e cumprir “o gran sono” de liberar o núcleo de Ortigueira dun tránsito dun millón de vehículos ao ano, dos cales 90.000 son pesados. “Imos entregar, agora si, máis que nunca, unha cidade para a súa xente; imos entregar a vila de Ortigueira aos que viven en Ortigueira e imos deixar os tráficos para as estradas”, sinalou.
Feijóo salientou, ademais, que esta infraestrutura, na que se investiron preto de 50 millóns de euros, fai máis accesible a zona norte da provincia da Coruña “e fai de Ortigueira un pobo compacto para desfrutar”. “Trátase –concretou-, dunha vía de case 8,5 quilómetros que enlaza a estrada das Pontes coa localidade de Espasante e permite realizar o percorrido na metade de tempo”.
Dixo, ademais, que a Variante de Ortigueira cumpre un compromiso coa vertebración do territorio, un compromiso coa comarca, e “será un revulsivo para todo Ferrolterra, Eume e Ortegal”. Unha vía que, afirmou, contribuirá a aumentar a competitividade do polígono industrial de Ortigueira porque “os polígonos teñen máis competitividade se as mercadorías custan menos traelas e sacalas”, e polo tanto, contribuirá a dinamizar a economía da vila e a crear emprego, sentenciou.
Valoración datos do paro
O presidente da Xunta tamén se referiu ao dato do paro coñecido hoxe martes, que valorou positivamente porque acredita, dixo, “que estamos nunha secuencia de creación de emprego” xa que, por primeira vez desde hai anos, este primeiro semestre do ano 2013 hai máis empregos que en semestres anteriores. “Por primeira vez entre xaneiro e xuño dun ano producimos máis de 5.500 empregos netos, e había moito tempo que no primeiro semestre do ano non tiñamos un indicador positivo de emprego”, engadiu.