A construcción do novo centro de saúde Ares será adxudicada o vindeiro luns, día 17, xunto con outros 14 centros e a ampliación do Hospital do Salnés. Como se lembrará, a Xunta licitaba a principios do pasado mes de xullo ditas contratacións nun único paquete cuxa contía era de 41,5 millóns de euros –dos que unha parte moi importante corresponde a fondos Feder y Agader- e agora, despois dun longo proceso, concretarase qué empresa se fará cargo destes traballos.
Un proxecto prioritario para Ares
No caso do centro de saúde de Ares, como lembrou o alcalde, Julio Iglesias, o proxecto de ampliación é prioritario e resposta a unha demanda cidadá a da administración local dende hai anos, posto que as actuais instalacións non satisfán, nin en servizos nin en espazos, ás demandas dunha poboación en continuo crecemento demográfico. Así mesmo, apuntou que a actuación executarase nas mesmas instalacións do inmoble actual así como nunha parcela cedida polo Concello ubicada na parte traseira deste. En total, serán máis de 1.700 metros cadrados de superficie a que ocupará o novo centro de saúde, que seguirá, pois, prestando os seus servizos no mesmo lugar que o fixo ata o de agora e que foi defendido polo conxunto da cidadanía e o actual grupo de goberno.
Un orzamento de licitación de 2,3 millóns de euros
A intervención, cuxo proxecto básico fora presentado ao rexedor socialista, conta cun orzamento de licitación de 2,3 millóns de euros e un prazo de execución de once meses. Segundo dito proxecto, as obras suporán a modernización e ampliación do actual centro de saúde, xa que multiplicará por dous o espazo de pranta e por outros dous o alzado, constando o futuro edificio de soto, baixo, primeiro andar e baixocuberta (o actual ten baixo e primeiro andar). Ademais, os beneficios non so redundarán no espazo, senón tamén nos servizos que ofrecerá á poboación de Ares, xa que o proxecto recolle as necesidades plantexadas no Plan Funcional da Área Sanitaria elaborado durante o Goberno bipartito.
Julio Iglesias amosou a súa satisfacción por esta adxudicación, xa que por fin se da resposta a unha reivindicación non so desta administración local senón de todo o municipio de Ares. Ademais, lembrou o esforzo realizado polo equipo de goberno, xa dende o anterior mandato, para acadar o proxecto e manter o compromiso da Xunta unha vez que en 2009 se produxo o cambio político en San Caetano, tal e como quedou demostrado coa cesión da parcela para poder executar a ampliación ou coa celeridade á hora de solventar toda a documentación requerida ao longo do proceso por parte do Executivo autonómico.
Proxecto
En concreto, e tal e como se desprende do proxecto e os planos aportados polo Sergas, o inmoble incluirá numerosos espazos e servizos. Así, no soto, de 41,20 metros útiles, instalaranse a caldeira da calefacción, os depósitos de gasóleo, o oco para o ascensor e as escaleiras.
O baixo, que terá unha superficie útil de 615,20 metros cadrados, incorporará catro despachos de médicos e outros tantos de enfermaría, un arquivo, unha sala polivalente, outra de toma de mostras (analíticas e similares), un despacho de administración, salas de espera para cada un destes servizos, recepción e un vestíbulo con corredor.
En canto ao primeiro andar, serán 416 metros cadrados sobre os que se actuará, contando este espazo cunha biblioteca, unha sala de educación da saúde, uns almacéns, unha consulta de pediatría coa súa respectiva sala de espera, unha consulta para a matrona, aseos e vestiarios así como un patio de luces.
Finalmente, o baixocuberta terá 30 metros cadrados e albergara un transformador e a maquinaria correspondente dos aparatos de enerxía solar.