Fene no mes das Letras Galegas

gumersindo-letras galegasO Concello de Fene promove xunto coas sociedades do termo municipal o programa Maio mes das letras: conferencias, exposicións, música, teatro e gastronomía son algúns dos atractivos deste ciclo co que se conmemora o Día das Letras Galegas.

Presentación Programa Maio mes das letras

Co certame de corais “Fene canta a Rosalía” comeza o vindeiro venres, día 3, na Liga de Amigos de Barallobre o programa Maio mes das letras, promovido pola Concellería de Cultura e as entidades parroquiais fenesas para conmemorar o Día das Letras Galegas. Favorecer o coñecemento do autor homenaxeado xunto coas tres efemérides que se xuntan neste 2013 (o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, o 50º do Día das Letras e o centenario do nacemento dun dos seus promotores, don Francisco Fernández del Riego) son algúns dos obxectivos deste programa conxunto que, por primeira vez, desenvolven o Concello e as sociedades do termo municipal.

En palabras do alcalde de Fene, Gumersindo Galego, “presentamos o ciclo Maio mes das letras”como unha ampla e diversificada programación que se vai desenvolver durante todo o mes de maio nas oito parroquias de Fene e coa que non só agardamos cumprir os obxectivos que nos fixamos, senón tamén converter a programación cultural nun motivo máis para vir e visitar Fene”.

Baseándose na autonomía de cada unha das partes, con este ciclo de actividades tamén se pretende facer transcender que Fene é un dos poucos concellos nos que o movemento asociativo ven celebrando o Día das Letras Galegas de xeito ininterrompido, dende a súa primeira convocatoria, ademais de amosar a vizosidade da lingua e cultura galegas ao longo dos últimos 50 anos e xerar sinerxias, tanto a nivel da creación cultural coma no referente ás posibilidades de asistir a diferentes actos.

Maio mes das Letras desenvolverase do 3 ao ao 31 de maio nas oito parroquias de Fene e incluirá todo tipo de actividades: conferencias, recitais, concertos, representacións teatrais, sesións de contacontos, presentacións de libros, degustacións gastronómicas, concursos, festas infantís, etc.

 

 

 

 

Lea también

Rapaces do CPI As Mirandas, Ares, indagan na construción dunha sociedade máis igualitaria

Ao longo do mes de novembro, como parte das programacións polo 25N en Ares, estudantado …