Neda acollerá este domingo, 28 de abril, a primeira edición do Enduro Vila de Neda. Promovida pola Liga Galega de Moto de Campo coa colaboración do Concello, a competición contará coa presenza de pilotos da categoría de Daniel Carracedo, con experiencia no Mundial de Enduro e nos Six Days. O circuito consta dun percorrido de 40 quilómetros de monte con varias zonas de dificultade técnica e outros 7,5 divididos en dous tramos cronometrados. Lugares dun atractivo natural impresionante que pilotos e público asistente poderán descubrir o día 28.
O calendario principiará ás 8,30 horas, coas verificacións técnicas e administrativas no adro da igrexa de Santa María. No mesmo escenario, pero a partires das 11,30 horas, a proba dará comezo coa saída do primeiro piloto. E, en torno ás 17,30 horas, prevese o acto de entrega de premios.
A cita congregará a máis de 140 pilotos, procedentes do territorio nacional e de Portugal e a competición constará de oito categorías: clásica, fémina, élite, enduro 1, enduro 2, enduro 3, veteráns e endureiros.
Doutra banda, o Concello de Neda destaca as positivas repercusións que este tipo de citas teñen para a economía local e a súa incidencia nos establecementos hosteleiros e de restauración, especialmente en tempada baixa.