A reporteira Mónica García Prieto gaña o Premio «José Couso de Libertade de Prensa»

monica garcia prietoA reporteira Mónica García Prieto foi proclamada este martes, día 16, como a gañadora da IX Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa que, un ano máis, organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol e que conta coa colaboración da Obra Social ‘la Caixa’.

O fallo deuse a coñecer  na Galería Sargadelos de Ferrol, nun acto que contou tamén cunha conexión en directo coa gañadora desde Beirut.

O acto comezou coa intervención do vicepresidente do Club de Prensa de Ferrol, Xoán Rubia, quen mostrou a súa satisfacción polos nove anos de organización do Premio José Couso, e agradeceu unha vez máis a colaboración da Obra Social de ‘la Caixa’ para a realización do certame.

Votación aberta e secreta

A continuación, o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, deu lectura á acta do fallo, asinada polo señor notario  Héctor Pardo García do Ilustre Colexio Notarial de Galicia. Abertos e recontados os votos, este levantou acta do resultado entre os catro candidatos que optaban ó galardón, resultando vencedora a xornalista Mónica García Prieto. Como cada ano, a gañadora foi elixida en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa.

Na lectura da acta, o decano do CPXG quixo facer tamén unha mención especial ás outras tres candidaturas deste ano: Nikos Megrelis, xornalista grego, que dirixiu o documental ‘Shooting vs Shooting’ sobre os xornalistas mortos en Iraq; Marcela Turati, xornalista mexicana da revista ‘Proceso’, que cubriu a guerra contra o narcotráfico; e finalmente, José Yoldi, quen denunciou o uso irregular de fondos do Consello Xeral do Poder Xudicial polo seu presidente, e que, malia a iso, foi un dos 129 xornalistas de El País que saíron do diario tralo ERE.

A continuación, Manuel Jesús Márquez, director de Área de Negocio da Coruña de ‘la Caixa’, reafirmou o compromiso da Obra Social de ‘la Caixa’ con iniciativas como o Premio José Couso e mostrouse especialmente satisfeito con galardoados como Mónica García Prieto, que realizan o seu labor como freelance e en condicións precarias. Neste sentido, destacou méritos do traballo da gañadora, como o uso de parte das súas vacacións, con só 19 anos, para cubrir a revolta zapatista, ou o feito de que fose a primeira xornalista que conseguiu entrar en Siria trás comezar os combates.

 Videoconferencia

O acto finalizou cunha conexión por videoconferencia con Mónica García Prieto, que actualmente reside en Beirut, no Líbano. A xornalista agradeceu o premio e valorouno especialmente por ser concedido por un colectivo de compañeiros de profesión e non por un xurado.

García Prieto, que colabora agora con dous medios creados polos propios xornalistas, Cuarto Poder e Periodismo Humano, quixo tamén reivindicar o labor dos xornalistas freelance: «Os grandes medios xa non cobren os conflitos coa xente do seu cadro de persoal porque din que non lles é rendíbel ou que non hai espazo, pero espazo hai e cubrímolo nós, os que cobramos unha miseria por facer o traballo».

A gañadora desta IX Edición do José Couso confirmou tamén a súa asistencia aos actos de entrega do premio, que terán lugar o vindeiro 9 de maio no Teatro Jofre de Ferrol co tradicional Concerto pola Liberdade.

Mónica García Prieto naceu en 1974 e é licenciada en Xornalismo. Con só 19 anos, cubriu a revolta zapatista de Chiapas (México), e desde 1995 traballou para o diario El Mundo conflitos como os de Chechenia, Irak, Afganistán, Macedonia, Gaza ou Líbano. En 2005 Prieto pediu un período sabático para centrarse en temas de Oriente Medio, converténdose en xornalista independente con sé en Xerusalén. En 2007 trasladouse a Beirut, onde vive desde entón, e desde donde cubriu amplamente os conflitos da zona, e de forma moi activa a «primavera árabe».

Reporteira de guerra, foi proposta en representación de todos os xornalistas que están cubrindo o conflito sirio, co mérito engadido de que o fai sen a cobertura dun grande medio e sendo unha das poucas mulleres do xornalismo de guerra.

Con Mónica García Prieto xa son nove os galardoados co Premio das Ás Ceibes. Ademais da reporteira, os outros gañadores do Couso foron: Ali Lmrabet (2005), Le monde Diplomatique (2006), Jon Lee Anderson (2007), José Vidal – Beneyto (2008), Rosa María Calaf (2009), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), WikiLeaks (2011) e o Consejo de Informativos da RTVE (2012).

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’ organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

 

 

Lea también

MIRALLAS presenta no CIRS de Cervás, Ares «elas pintan moito» no marco do 25N

Este sábado día 23, o grupo MIGALLAS porá en escea o espectáculo “ELAS PINTAN MOITO”; …