A Federación de Asociacións Veciñais da zona urbana de Ferrol “Roi Xordo” manifesta o seu malestar co Concello de Ferrol tras a presentación en rolda de prensa dun suposto plan de actuación nos barrios. Este plan parece estar dirixido á mellora de obras e servizos de cada zona sen que nin as organizacións veciñais nin os membros electos do consello da veciñanza teñan a máis mínima información nin de contidos nin de prazos nin de ningunha outra cousa que teña que ver co plan.
Esta non é a primeira vez que Roi Xordo se queixa por este asunto, xa que, en varias ocasións, o presidente desta entidade trasladoulle ao concelleiro delegado de Participación o seu malestar e o da Federación polas penosas formas e polo fondo do asunto. A entidade fai pública a súa protesta polo que considera unha actitude irrespetuosa por parte do goberno municipal cara ao asociacionismo veciñal, en xeral, e aos membros electos do Consello da Veciñanza, en particular.
Ademais, nas asambleas de barrio que se están a celebrar non figura este tema como información central por parte do goberno nin está presente en ningunha das intervencións dos concellerios nos últimos meses. A Federación denuncia que sacaron este asunto de súpeto e non se sabe ben o por que nin a que se debía, entón, o silencio anterior. Dende “Roi Xordo” opinan que este asunto debería formar parte da orde do día do Consello da Veciñanza.
A entidade fai un chamamento ás responsabilidade do goberno municipal, e do concelleiro de participación veciñal en particular, coa finalidade de que centre a súa acción de goberno en conseguir que a participación veciñal sexa unha tarefa central e o repecto ao asociacionismo e ás institucións que posibilitan a participación sexan a actitude ordinaria.