O Grupo Municipal Socialista fixo varias propostas ás bases reguladoras de Conduce Ferrol (Programa de axudas para obter o permiso de conducir B), e proponlle ao goberno local varias iniciativas complementarias para favorecer a seguridade vial e a condución eficiente entre a mocidade.
Neste senso, os socialistas propuxéronlle ao goberno local que nas bases reguladoras se incorporase un punto relativo á baremación da mocidade solicitante das axudas locais para a obtención do permiso de conducir B, xa que na proposta do goberno local non se tiña en conta as diferentes situacións de necesidade dentro da mocidade ferrolá. As propostas dos socialistas teñen o obxectivo de priorizar a aqueles mozos e mozas que teñan unha situación menos ventaxosa economicamente, e se atopen buscando emprego, para o cal a obtención deste permiso pode mellorar a súa empregabilidade.
Neste senso, o Grupo Municipal Socialista fai fincapié nas súas emendas na maior necesidade dos mozos e mozas ferrolás desempregados, e no criterio excluínte na búsqueda dun traballo que pode supor para un mozo ou moza non ter o carne de conducir, polo que no baremo creado polos socialistas o demandante de emprego debe priorizarse. Tamén os socialistas entenden que os e as estudantes deben atoparse favorecidos no baremo para a consecución das axudas. Así mesmo, os socialistas propuxeron unha puntuación na que se tivese en conta os criterios económicos destas axudas. Deste xeito, os que menos ingresos teñan, sexan os primeiros en recibir esta axuda que, inicialmente, ten un tope para 50 mozos e mozas.
Para os socialistas, a equidade e xustiza social, debe rexer todas as políticas das administracións públicas polo que, neste senso, consideran que as situacións de menor ingresos por unidade familiar, agravado cunha situación de desemprego, se lle de prioridade e, polo tanto, unha maior puntuación dos mozos e mozas solicitantes á hora de obter a devandita axuda municipal.
Condución eficiente e seguridade vial
Así mesmo, o Grupo Municipal Socialista quere que o goberno local, vaia máis aló destas axudas para a obtención do carne de conducir, polo que lle propón a realización de varias iniciativas complementarias, para favorecer a seguridade vial entre a mocidade ferrolá, así coma a condución eficiente e ecolóxica.
O obxectivo dos cursos de seguridade vial que propoñen os socialistas é o de desenvolver unha conciencia positiva de prevención e respecto, destacando o papel activo, que tanto os condutores e peóns temos na seguridade vial, e co obxectivo de prever os accidentes de tráfico entre a mocidade.
Finalmente, os socialistas lembran que no mandato anterior, a impartición de cursos de condución eficiente levouse á práctica mediante a realización de varios cursos anuais, os cales non teñen custo para o Concello, xa que son impartidos pola Fundación da Axencia Enerxética Provincial da Coruña, Faepac, de xeito gratuíto.