A secretaria de Organización e coordinadora da Comisión Sectorial de Patrimonio do PSdeG-PSOE de Ferrol, Rosa Méndez, asegurou en rolda de prensa que os socialistas están “fondamente preocupados polo que está a acontecer na cidade” por culpa dun “goberno alleo á realidade”. Como manifestou Méndez, o Partido Popular de Rey Varela se está a caracterizar polas súas “políticas de salón e partidistas”, que deixan ver que “non teñen proxecto de cidade”.
A caída en picado da poboación empadroada en Ferrol e unha taxa de paro situada no 28% exemplifican a ausencia de proxecto dun goberno que “se limita a rematar o que xa estaba comezado”. “O que o PP nos deixa é unha cidade en estado terminal, que afecta a todo”, dixo a Méndez, que criticou o que está pasando co social –con proxectos que non atenden á xente, dixo, e con gastos “opacos”-, a creación de conflitos donde non os hai –como co Ateneo- ou deixando de ter en conta á xente –caso dos orzamentos participativos-.[pullquote]Falan de abrir Ferrol ao mar, pero teñen totalmente desatendido o moito litoral que ten este municipio[/pullquote]
Esta ausencia de proxecto que caracteriza ao “grupo de inexpertos que está ao fronte do goberno municipal, que non sorprende que se blinde (en relación ás medidas de seguridade que o PP vai poñer no acceso á Casa Consistorial) porque están ao marxe da xente”, tamén afecta ao patrimonio, completamente desatendido“” para a secretaria de Organización da Executiva Local do PSdeG-PSOE de Ferrol.
Neste eido, Rosa Méndez criticou duramente as políticas impulsadas e defendidas polo Partido Popular, afirmando que “para eles, o patrimonio natural é inexistente”. “Falan de abrir Ferrol ao mar, pero teñen totalmente desatendido o moito litoral que ten este municipio”, destacou a coordinadora da Comisión desta área, que acusou aos responsables locais de “querer tirar un muro e pretenden levantar outro na Malata para que pase polo medio da ría o tren do porto exterior. Ese é o seu concepto de abrir Ferrol ao mar”.
En canto ao proxecto do PP para a praza de España, Rosa Méndez lembrou, por unha parte, que se trata dunha obra rematada e, por outra, que o proxecto que pretende executar o Goberno municipal suporá un elevadísimo custe de mantemento. “Malamente poderán manter esa praza”, dixo esta responsable socialista, para a que o Partido Popular basea a súa acción “nas políticas do gusto e non do gasto, algo fundamental e máis nestes tempos”.
Méndez tamén amosou a súa sorpresa polas recentes declaracións dun empregado do Concello de Narón negando a existencia dun Camiño de Santiago que pasara por Ferrol e incluso dirixíndose á Xunta por esta razón, sen que o Concello da cidade teña reaccionado contra esta falsedade. A coordinadora da Comisión de Patrimonio denunciou o que considera “incapacidade real e intelectual”, posto que “existe documentación que avala que o Camiño Inglés nace en Ferrol e, de feito, téñoa eu”. “Se quere, que o señor Reyes Hurtado me pida eses documentos”, dixo Méndez, para a que, entre outros valores, o Camiño Inglés constitúe un “importante recurso que non se pode perder, e menos nestes momentos”.