A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura de Narón, Marián Ferreiro, asinou coa presidenta de La Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos e Festivais de Titularidade Pública, Marta Monfort, un convenio para adherirse ao Circuito España en Libertad 50 años 2026-27 organizado por La Red.
En base ao mesmo, e tras unha solicitude realizada dende o Padroado da Cultura, executaranse seis espectáculos vencellados a este circuíto no Pazo da Cultura e tamén catro actividades paralelas durante o vindeiro ano.
Este proxecto realízase con cargo a unha subvención outorgada a La Red polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, co obxectivo de dar acceso á cidadanía a espectáculos de calidade que fomenten a reflexión sobre a memoria democrática e fortalecer o papel dos espazos públicos de exhibición de artes escénicas como axentes de cohesión e transmisión de valores democráticos, tal e como se contempla no convenio.
Os espectáculos que se poderán ver con cargo a este acordo son Nevenka, de Histrión Teatro -17 de abril-; Rojos, de Miquel Barcelona –o 23 de abril-; El Enterrador, de Mediterránea -7 de maio-; La maestra, de Anita Maravillas-Portal 71 -9 de maio-; Feriantes, de El Patio Teatro -15 de maio- e Caballito de Mar, de Flyhard Produccions –o 4 de xuño, tal e como recordou Ferreiro.
Todos eles estarán cofinanciados pola Red Española de Teatros e Auditorios. A maiores, tamén se poderá ver Melón Pelado e Libres, da compañía Butacazero, a través de financiación propia, neste último caso.
No mes de abril levarase a cabo unha programación na que se celebrarán días sobre o Patrimonio Cultural e a Memoria Histórica e en maio sobre o Día da homenaxe ás vítimas do exilio. Nun último eixo, por primeira vez na localidade, adicarase programación sobre a diversidade afectivo sexual e celebrando en xuño o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+.
Así mesmo, con cargo a este mesmo convenio realizaranse tamén no Pazo da Cultura unha serie de espacios paralelos, entre os meses de abril e maio do vindeiro ano. Nos mesmos participarán as compañías El Patio Teatro, cun coloquio post función; Miquel Barcelona, cun obradoiro de creación e danza; Anita Maravillas, cun obradoiro de títeres e Mediterránea, cun coloquio co público.
O proxecto de programación impulsado dende o Padroado propón unha selección de espectáculos incluídos no catalágolo do Circuito “España en Libertad. 50 años”, artellando unha mirada plural e diversa sobre a memoria democrática, os dereitos civís, as identidades e os feitos que marcaron a nosa historia recente.
“Un dos obxectivos desta iniciativa é xerar unha reflexión crítica, diálogo interxeracional, creación de novos públicos, entre a infancia e a xuventude, e crear tamén espazos de encontró cidadá no ámbito comunitario e educacional”, tal e como indicou a alcaldesa da cidade.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.