Pontón chama desde Narón aos galegos a escribir a súa propia historia este 29-N co voto masivo ao BNG

Néstor Rego pide ir ás urnas de forma masiva coa papeleta do BNG: “É a única que defende Galiza, os dereitos sociais e poder parar a ultradereita”.

Mitín en Narón do BNG na tarde noite do15 de novembro | Foto BNG

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu aos galegos e as galegas que o 29-N acudan masivamente ás urnas coa papeleta do BNG na man para “facerse valer” en Madrid e “escribir a súa propia historia”, para defender o País, avanzar en dereitos e ter unha vida digna. 

“A dignidade de Galiza non colle en enquisas precociñadas que queren convencernos que a historia xa está escrita. Este 29-N imos demostrarlles que os galegos e galegas imos escribir a nosa propia historia cun apoio masivo ao BNG”, proclamou no mitin que compartiu en Narón co cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego e no que tamén participaron outros cargos do Bloque na comarca.   

Pontón asegurou que “este 29-N Galiza se xoga moito” e advertiu que “se hai un momento en que Galiza, máis que nunca, ten que facerse valer, é agora”, dándolle ao BNG a forza necesaria para frear a “involución” que representa a dereita máis ultra, cun Feijóo á cabeza que agora  “vende a milonga de gran xestor en Madrid” pero que “deixou unha Galiza peor”, subliñou.  “Cada voto ao BNG é un disgusto e un voto menos para Feijóo”, recalcou. 

“En Galiza coñecemos moi ben o seu legado de recortes, privatizacións e negocios para as empresas amigas do PP. Coñecemos o seu desastre de xestión, porque recortou en sanidade, liquidou a vivenda pública e triplicou a débeda. Deixou unha Galiza peor e por iso imos paralo nas urnas concentrando todo o voto galego no BNG”, afirmou.

A “gran xestión de Feijóo”, ironizou, foi tamén pagar un sobrecusto de 480 millóns de euros polo hospital de Vigo, recortar na dependencia ou, no que ten que ver coa vivenda, entregar tan só 15 pisos en alugueiro en trece anos nos que o que fixo foi traballar “para os especuladores”. 

A portavoz nacional pediu levar ás urnas a “esperanza” das mobilizacións do 11-N, nas que os galegos e as galegas demostraron que non son un pobo “nin calado nin submiso como lles gustaría a moitos”, un pobo que, da man do Bloque, ten este 29-N a oportunidade de frear á dereita e defender cuestións tan básicas como “ter un salario que  dea para chegar a fin de mes ou que a vivenda sexa un dereito e non un privilexio”.

Pontón apelou en Narón a esa clase traballadora á que Rueda en Galiza trata de “vagos e maleantes”  porque enferman e collen unha baixa laboral, e contra a que van tamén os discursos que sosteñen que non hai recursos para a dependencia, a sanidade a educación ou a vivenda. “Non hai cartos pero de repente chega a OTAN, toca arrebato e resulta que aparecen maxicamente”, ironizou. 

Afondando nesta cuestión, criticou que “o goberno que se proclamaba o máis progresista da historia” duplicou “de golpe” o gasto militar, que xa absorbe 35.000 millóns de euros, pero só ten previsto dedicar este ano 840 millóns ás políticas de vivenda. “Hai cartos para bombas pero non para que a xente teña casa. Hai cartos para misiles, pero non para mellorar as condicións do AVE”, condenou. 

Darlle forza o nacionalismo galego no Estado significa así mesmo, recalcou, facerlle fronte a discriminación a Galiza na que se alternan as forzas estatais, cun modelo  de  “centralismo madrileño” que “arrasa con todo”. “Facerse valer é deixar claro que a enerxía ten que servir para crear riqueza aquí ou poder frear proxectos destrutivos como Altri ou a megaminería”, exemplificou.  “Trátase de dicir que queremos tren de cercanías, de reclamar máis investimento e trato digno para este País”, engadiu

Mitín en Narón do BNG na tarde noite do15 de novembro | Foto BNG

Na mesma idea incidiu en Narón o cabeza de lista do BNG pola Coruña, Néstor Rego, que pediu o voto para o BNG porque é a única “papeleta que defende a Galiza, os dereitos sociais e pode parar a ultra dereita”. Advertiu, ademais, do perigo “do que pode vir se non actuamos este 29N. O que pode vir é que en vez de avanzarnos teñamos recortes de dereitos sociais, de dereitos democráticos, nas pensións e un ataque á nosa lingua”. 

Néstor Rego deixou claro que se trata “de defender a Galiza e as maiorías sociais e iso implica frear a esas dereitas ultras que queren que retrocedamos en dereitos”. Alertou que o “primeiro que dixo Feixoó que ía facer,  é prohibir o galego no Congreso. Imaxinades un presidente de calquera país que queira prohibir o uso da súa lingua? Isto só pasa co PP que xa votou en contra do uso do galego no Congreso e no parlamento europeo”, enfatizou.

En segundo termo, referiuse á “motoserra do PP” coas pensións. “Dixo que non son sustentábeis e iso quere dicir que van privatizalas”, cando, subliñou, “o que hai que facer é fomentar e fortalecer o sistema público de pensións que é a aposta do BNG”. Advertiu doutros recortes e “sacrificios” que están a anunciar como na lei do aborto que tantas décadas custou conquistar. “Agora veñen coa motoserra”. Mais asegurou que “por aí non imos pasar. O 29N dirémoslle que non e que estamos para defender a Galiza e os nosos dereitos. E a papeleta que defende o noso país e os nosos dereitos é a do BNG”. 

Animou a manter viva a mobilización na Galiza no día da folga xeral, o 11N, na que tivo especial protagonismo a mocidade galega xunto cos traballadores e traballadoras, porque “se a trasladamos ás urnas imos conseguir que a ultra dereita teña catro deputados menos no noso país. Serán deputados para o BNG, para darlle máis forza a Galiza”. 

Lea también

A Biblioteca de Narón abre o martes 10 o prazo de inscrición na actividade infantil “Coñecendo a… Carlo Collodi»

A Biblioteca municipal de Narón abrirá mañá martes o prazo de inscrición na actividade infantil …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.