O candidato número 1 ao Congreso pola provincia da Coruña, Miguel Tellado, e o candidato número 1 ao Senado, José Manuel Rey Varela, participaron este xoves no acto de inicio da campaña electoral do 29 N no que ambos apelaron á mobilización e á unidade de todos os que desexan un cambio político en España para poñer fin ao Goberno de Pedro Sánchez e abrir unha nova etapa liderada por Alberto Núñez Feijóo.

Miguel Tellado amosou a súa satisfacción por poder iniciar esta campaña en Ferrol, a súa cidade natal, acompañando de José Manuel Rey Varela, “un amigo e un referente político”. Tellado recordou que “aquí nacín, nestas rúas crecín, e desde aquí asumo hoxe o maior reto da miña vida”. Neste sentido, cualificou o proceso electoral como “o reto máis importante, máis apaixonante e máis ilusionante”, ao tratarse, nas súas palabras, da campaña electoral “máis decisiva desde a Transición”.
O obxectivo, subliñou, debe ser facer posible o cambio político que España necesita: “Desaloxar a Sánchez da Moncloa e levar a ela a Alberto Núñez Feijóo”. Un cambio que considerou urxente para abrir unha nova etapa política no país,fronte á incompetencia e a corrupción que lidera Pedro Sánchez, e advertiu tamén do deterioro institucional que caracterizou estes anos de Goberno socialista, referíndose aos casos de corrupción, ás presións sobre xuíces e gardas civís, ao uso partidista das institucións.
O candidato popular puxo en valor a oportunidade de formar parte do equipo de Alberto Núñez Feijóo, ao que definiu como un presidente que representa todo o contrario a Sánchez. “Feijóo é un servidor público de verdade e lidera un gran equipo: o dos arquitectos da reconstrución nacional que imos emprender en España”, asegurou.
Ademais, expresou o seu agradecemento pola confianza depositada nel para dirixir a campaña electoral máis importante dende a Transición e encabezar a candidatura do Partido Popular ao Congreso pola provincia da Coruña. Unha responsabilidade que asume con “orgullo e compromiso”, destacando o apoio que historicamente a provincia e Galicia teñen demostrado ao Partido Popular. A Coruña é unha provincia crave, está no top das 12 das que máis escanos reparte e temos como reto conseguir un deputado máis, revelou.
“Ferrol, A Coruña, Galicia van estar á altura deste momento decisivo para España”, asegurou, ao tempo que insistiu en que so hai unha papeleta: a do cambio, a de Alberto Núñez Feijóo, un líder con vocación de unir, unha persoa de palabra que cumpre o que promete e que fai o di.

JOSÉ MANUEL REY VARELA: “XOGÁMONOS TER UN GOBERNO QUE GOBERNE PARA TODOS”
O candidato ao Senado, José Manuel Rey Varela, revelou que é a primeira vez na historia que dous ferroláns encabezan as listas ao Congreso e ao Senado pola provincia da Coruña. “Aprendimos do mellor xestor, de Alberto Núñez Feijóo co que xa traballamos e o seguiremos facendo”.
Rey Varela afirmou que “o próximo 29N xogámonos a democracia, o conxunto de dereitos e valores que nos deron hai 50 anos, xogámonos ter un goberno que goberne para todos”, defendendo que estas eleccións representan unha
oportunidade para recuperar a estabilidade institucional, a confianza e a capacidade de xestión.
O candidato popular criticou que Pedro Sánchez utilizase a Presidencia do Goberno só para o seu beneficio. Neste sentido, contrapuxo esa forma de gobernar coa dun presidente preocupado polos problemas cotiáns dos cidadáns: a suba da cesta da compra, o prezo do combustible, as dificultades dos mozos para acceder a unha vivenda, o estancamento dos salarios ou a necesidade duns servizos públicos que funcionen. “Un verdadeiro presidente estaría preocupado por estas cuestións, por mellorar a vida dos cidadáns e por dar resposta ás súas necesidades. E nada diso foi unha prioridade para Sánchez”, lamentou.
Fronte a esta situación, insistiu en que a única maneira de propiciar un cambio é sumar esforzos arredor dun proxecto común. “Se queremos que Sánchez deixe de gobernar, temos que ser capaces de unirnos para poder botalo. E ese cambio só pode chegar da man de Alberto Núñez Feijóo”, afirmou.
“Precisamos un Goberno que saiba onde está Ferrol, que coñeza as súas potencialidades e, sobre todo, cales son as preocupacións dos seus veciños”, sinalou.

Rey Varela concluíu apelando á importancia de concentrar o voto nun proxecto capaz de garantir un cambio político tamén coherente entre as distintas administracións, “non hai mellor receta que a unión”. “Se queremos un cambio e ter ao unísono un Goberno do PP en Ferrol, na Xunta e en Madrid, só hai unha opción: Alberto Núñez Feijóo, un xestor extraordinario, que voltará a poñer a España no máis alto”, confirmou.
O 29 de novembro España ten que elixir entre seguir con Sánchez ou cambiar con Feijóo. “Nós eliximos o cambio”, afirmou o candidato ao Senado, José Manuel Rey Varela.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.