O conselleiro lembra que a inmunización é unha ferramenta fundamental para reducir as complicacións, hospitalizacións e falecementos.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, animou este mércotes á cidadanía a vacinarse fronte á gripe e a covid e destacou os datos positivos de cobertura que está a rexistrar a campaña de inmunización 2026-2027, especialmente no colectivo de 80 ou máis anos, onde xa se acadou o 74 % de vacinados.
Fíxoo tras recibir a súa dose no servizo médico da Consellería de Sanidade, acompañado pola xefa do Servizo de Prevención e Control de Enfermidades da Dirección Xeral de Saúde Pública, Susana Mirás.
O conselleiro destacou que, segundo os últimos datos da campaña, a inmunización alcanza xa o 57 % entre os maiores de 70 anos e sitúase no 38 % no colectivo de 60 a 69 anos. Por outra banda, tamén segue avanzando a vacinación da poboación máis nova, cunha cobertura do 58 % entre os nenos e nenas de 6 a 59 meses e do 32 % no conxunto dos menores de 12 anos.
Nas súas declaracións aos medios, o conselleiro lembrou que a vacinación é unha das ferramentas máis eficaces para protexer a saúde individual e colectiva, incidindo no seu carácter solidario. Neste sentido, subliñou que as vacinas contribúen á protección das persoas máis vulnerables, reducindo o risco de complicacións graves, hospitalizacións e falecementos.
Gómez Caamaño agradeceu especialmente o traballo dos profesionais sanitarios que fan posible o desenvolvemento da campaña e sinalou que, polo momento, a incidencia da gripe continúa en estado basal e cunha tendencia estable.
Por último, lembrou que a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid continúa activa ata o 31 de decembro para todas as persoas ás que lles está recomendada a inmunización. Neste colectivo inclúense, ademais dos grupos de idade xa mencionados, as mulleres embarazadas, persoas con patoloxías de risco e persoas coidadoras, entre outras.
Novidades da campaña de vacinación fronte á gripe e a covid 2026-2027
Entre as principais novidades desta campaña figura a ampliación da vacina antigripal de alta carga ás persoas de entre 65 e 69 anos, que se suma á extensión realizada na campaña anterior, na que se incluía por primeira vez ao grupo de 70 a 79 anos.
Así mesmo, a Xunta ampliou este ano o programa de vacinación antigripal nos centros educativos ata 75 colexios, 20 máis que na pasada edición.
Outra das iniciativas destacadas foi a posta en marcha do ensaio clínico Combogal, que busca avaliar a mellor estratexia de vacinación fronte á gripe e á covid na poboación de 65 ou máis anos, comparando a administración dunha vacina combinada coa aplicación das dúas vacinas por separado.
O estudo, que comezou o pasado 17 de outubro nos hospitais públicos galegos, conta xa con 14.492 participantes, dos cales 4.500 se incorporaron durante a última fin de semana. Ademais, a semana pasada abriuse a participación no ensaio en 21 centros de saúde que se suman aos hospitais.
Na actualidade, están habilitados os 14 hospitais públicos durante as fins de semana, en horario de mañá e tarde, e de luns a venres, nun total de 65 centros de saúde. As persoas de 65 ou máis anos interesadas en participar poden solicitar cita a través de Sergas Móbil ou no teléfono 900 842 217.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.