O Pazo da Cultura de Narón acolle o mércores 14 de outubro, con entrada de balde, a proxección especial de “El bueno, el feo y el malo”, de Sergio Leone.
O Cineclube Serie B Cidade de Narón chega á súa proxección número 50 e quere marcar a cifra cun título que non necesita presentación: “El bueno, el feo y el malo”, de Sergio Leone. A sesión especial será o mércores 14 de outubro, ás 19:00 horas, no Pazo da Cultura con entrada de balde.A película, estreada en 1966, cumpre este ano seis décadas e segue sendo unha referencia obrigada do western. Ademais da presenza de Clint Eastwood, o filme é recoñecido pola partitura de Ennio Morricone e por un duelo final que o cinema levou moitas veces á imitación, pero poucas á perfección.
Ademais, esta película xa mítica rodouse en boa parte en terras españolas. O Cineclube organiza esta proxección co apoio do Concello de Narón, a través do Padroado de Cultura, e conta tamén coa colaboración da Federación de Cineclubes de Galicia, da Xunta e do Xacobeo 2027.
A elección non foi difícil. Alberto Pena, director do cineclube, explica que «nos pareceu un título bo, redondo, porque é unha das películas favoritas de todos os membros do Cineclube». Engade que “a sesión serve tamén «para homenaxear a Clint Eastwood, que é unha lenda viva aos seus 96 anos como actor e director».
Para o colectivo, a relación coa película vai máis alá do gusto persoal. «Cremos que é unha película que pasa de avós a pais, a fillos e netos, e que conserva o seu encanto aínda co paso do tempo«, sinala Pena, “Poder vela en pantalla grande despois de tantos anos fainos moitísima ilusión».
O filme, explica, rodouse en Almería e en Burgos, onde o cemiterio no que transcorre o duelo final está totalmente recuperado e pode visitarse grazas á asociación que o conserva de forma altruísta e voluntaria. Os membros do Serie B estiveron alí hai anos: «Foi unha experiencia incrible, que recomendamos moito».
O Cineclube Serie B Cidade de Narón aproveita esta proxección de número redondo para convidar a todas as persoas interesadas a asociarse. Quen queira unirse pode poñerse en contacto co cineclube a través das súas redes sociais, ou directamente con Alberto Pena, e recibirá o seu carné de socio/a e un pequeno agasallo.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.