Pontedeume celebra o seu novo festival literario Vila das Lendas

O municipio celebrará o Samaín con este Festival de Literatura Fantástica, Terror, Misterio e Tradición Oral Galega, que vén recoller o testemuño de Pontedeume Vila do Libro.

Pontedeume | Fot. Galicia Ártabra

Pontedeume, Vila das Lendas é o nome dun novo festival literario eumés que nace co propósito de conxugar a tradición oral da vila coa actualidade da literatura de fantasía, terror e misterio.

O evento terá lugar os días 30 e 31 de outubro e mais o 1 de novembro, coincidindo coa celebración do Samaín, co obxectivo de traer o mellor do panorama literario fantástico, de terror e misterio e conventer a Pontedeume nun referente neste eido.

A programación do festival combinará encontros con escritoras e escritores, presentacións literarias, mesas de debate, roteiros temáticos, representacións escénicas, actividades familiares, obradoiros ou sesións de narración oral.

Boa parte destas actividades estarán vinculadas directamente coas historias e as lendas locais, xirando ao redor de lugares tan emblemáticos do concello e da bisbarra como o Torreón dos Andrade, o Mosteiro de Caaveiro, a Ponte de Pedra, as Fragas do Eume ou as rúas do centro histórico da vila.

O alcalde Bernardo Fernández Piñeiro sinala que «Pontedeume é unha vila onde cada recuncho agocha unha historia, polo que queremos poñer en valor o noso patrimonio, a nosa tradición oral e as nosas lendas, traelas ao día de hoxe e compartilas de novo coa veciñanza e as persoas que nos visitan».

«Esta iniciativa vén recoller o testemuño do festival Pontedeume Vila do Libro, pero cun proxecto totalmente renovado e impulsada directamente polo Concello de Pontedeume», indica Fernández Piñeiro. «Tal e como anunciamos meses atrás, Vila do Libro tería un novo formato cambiando de data, e froito dese compromiso, nace Vila das Lendas”, engade.

«Queremos que este novo festival se converta nun punto de encontro para persoas investigadoras, creadoras, divulgadoras e amantes da literatura e das tradicións populares, favorecendo o intercambio de coñecementos e a creación de no narrativas inspiradas no territorio», conclúe o rexedor.

Nos vindeiros días, dende o Concello de Pontedeume irase dando máis información sobre a programación do evento, as personalidades que estarán presentes e as diferentes actividades que conformará unha edición que busca ser a primeira de moitas.

Lea también

La SAF inaugura en el Casino Ferrolano la exposición colectiva «Paisaje Gallego 2026»

Este miércoles la Sociedad Artística Ferrolana (SAF) ha inaugurado su exposición ‘Paisaje Gallego 2026’ en …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *