Aitor Bouza faise eco das demandas da AMICOR, levándoas ao Parlamento galego.

O PSdeG-PSOE reivindica no Parlamento de Galicia a creación dunha unidade de rehabilitación cardíaca na área sanitaria de Ferrol, na liña do reclamado pola Asociación de Amigos do Corazón de Ferrolterra, a AMICOR.
Aitor Bouza, deputado socialista no Parlamento galego destaca o apoio do PSdeG a esta asociación ao longo dos anos e salienta esta reclamación realizada co gallo do Día Mundial do Corazón, que tamén foi realizada dende varios concellos da contorna.
«A área sanitaria de Ferrol non pode continuar sen contar cunha unidade de rehabilitación cardíaca dentro da súa carteira de servizos», afirma o parlamentario socialista.
«Imos esixirlle ó señor Rueda que non mire para outro lado e que non deixe desprotexidos e desprotexidas a tantas persoas que realmente precisan desta unidade, que precisan deste servizo, que precisan de que se lles garanta este dereito», engade.
O socialista lembra que «en Ferrol prodúcense máis de 500 infartos de miocardio cada ano e existen máis de 3.000 persoas que superaron algún episodio de cardiopatía, e que, polo tanto, precisan desa atención especializada de rehabilitación cardíaca».
«Imos, polo tanto, a presentar unha batería de iniciativas na que imos esixirlle ó señor Rueda que se cree e que se poña en funcionamento unha unidade de rehabilitación cardíaca na área sanitaria de Ferrol, que se integre evidentemente na rede pública do Sergas«, indica.
Reclama tamén «que se dote esa unidade dos recursos humanos, técnicos, materiais que sexan precisos para que se poda desenvolver un programa multidisciplinar de rehabilitación cardíaca», subiñando que «non é outra cousa que exixirlle ao señor Rueda que atenda aos dereitos das persoas nunha cuestión tan básica, tan fundamental como é o dereito á saúde».
«Niso imos traballar, imos seguir escoitando da man da asociación todas estas reivindicacións que nos parecen lexítimas e xustas e levarémolas ao parlamento para que o señor Rueda e o Partido Popular se posicionen», conclúe Bouza, afirmando que, de esperar a que o alcalde de Ferrol faga estas demandas, «seguramente seguirá pasando os anos, seguirá pasando o tempo e nada se fará».
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.