Tralas proxeccións do Chanfaina lab nas parroquias e as sesións de cine ao aire libre dos últimos venres, o cine galego e en galego continúa en San Sadurniño co inicio este sábado do Ciclo Mestre Mateo, unha programación promovida pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello.
Entre outubro e novembro proxectaranse nos locais sociais do territorio sete películas finalistas da última edición dos premios do audiovisual galego. A primeira cita será este sábado 3 de outubro na Casa da Cultura, coa película San Simón, de Miguel Ángel Delgado. Todas as sesións comezarán ás 19:30 horas e terán entrada libre. Ademais, a finais do mes que entra tamén teremos un obradoiro de montaxe cinematográfica ofrecido por Lucía Iglesias Fuentes, premiada nos Mestre Mateo polo seu traballo en Antes de nós.
A programación continuará o 17 de outubro no local social de Ferreira con Sirat, de Óliver Laxe, todo un fenómeno internacional en forma de road movie na que un pai e un fillo van á procura dunha moza desaparecida nunha festa rave no sur de Marrocos.
O sábado 24, o local social de Naraío acollerá Ao son da nova regueifa, de Manolo Maseda e Saúl Rivas, un documental que percorre Galicia para descubrir as conexións entre a regueifa tradicional e as súas expresións actuais, así como o proceso de recuperación desta forma de improvisación oral.
O 31 de outubro será a quenda de Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, no local social de Santa Mariña do Monte. A película retrata a vida dunha comunidade rural na fronteira entre Galicia e Portugal a través da historia de Mariana, unha nena que medra entre as ensinanzas da escola, as lendas da contorna e a memoria das persoas que habitan a raia.
Xa en novembro, o día 7, proxectarase en Igrexafeita Antes de nós, de Ángeles Huerta, unha película centrada en dous momentos da vida de Castelao e da súa muller, Virxinia Pereira, que aborda a súa relación en 1918 e durante unha viaxe a Bretaña tras a perda do seu único fillo.
O ciclo seguirá o 14 de novembro en Lamas con O silencio herdado, de Lucía Dapena. Neste documental, a cineasta achégase á súa avoa Edilia buscando respostas sobre un pasado marcado polo silencio. Con ela achegarase aos límites da palabra e das imaxes para abordar as memorias familiares nunca contadas.
A última sesión do ciclo será o 28 de novembro na Casa da Cultura con As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns, unha historia sobre o encontro inesperado entre Bea, unha muller de 50 anos que está a atravesar un divorcio, e Denís, un mozo trans de 28 anos que loita contra a precariedade laboral.
Obradoiro de montaxe cinematográfica con Lucía Iglesias
A programación vinculada co cine completarase o venres 30 de outubro cun obradoiro de montaxe cinematográfica impartido por Lucía Iglesias Fuentes, premiada polo seu traballo en Antes de nós. A sesión, organizada polo Chanfaina lab, abordará a montaxe como ferramenta narrativa e ofrecerá unha introdución ás técnicas que permiten construír un discurso audiovisual a través da selección dos planos, os cortes e os seus ritmos.
A actividade está dirixida tanto ás persoas que gravaron pezas para o Chanfaina lab como a calquera outra interesada en coñecer os fundamentos da linguaxe cinematográfica e da montaxe. A participación é gratuíta, pero as prazas son limitadas, polo que cómpre inscribirse previamente nos teléfonos 636 909 666 ou 680 389 054.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
