A biblioteca de San Sadurniño retoma os clubs de lectura infantís e recibe un novo recoñecemento María Moliner

A posta en marcha dos clubs coincide coa selección da biblioteca municipal de San Sadurniño no concurso de proxectos de animación á lectura María Moliner, convocado polo Ministerio de Cultura

Biblioteca Municipal | Fot. Concello de San Sadurniño

A biblioteca municipal de San Sadurniño retomará este mes de outubro os clubs de lectura para a rapazada de educación primaria. Unha actividade que busca achegar os libros e o hábito da lectura compartida á cativería, co obxectivo de fomentar a aprendizaxe, mellorar a comprensión lectora e tamén favorecer un espírito crítico desde idades temperás.

Nun primeiro momento poranse en marcha dous grupos, organizados por idades e con encontros semanais os martes e os venres. Cada club terá un máximo de dez prazas, aínda que se valorará a creación dun terceiro grupo se a demanda supera a capacidade prevista. A reactivación dos clubs infantís chega, ademais, acompañada dunha nova boa noticia para a biblioteca, que foi seleccionada no concurso de proxectos de animación á lectura María Moliner, promovido polo Ministerio de Cultura.

Os clubs están pensados tanto para nenos e nenas que están iniciándose na lectoescritura como para aqueles que xa teñen adquirida esta habilidade. A intención é ofrecerlles un espazo no que compartir o gusto polos libros, descubrir novas historias e achegarse á lectura dunha maneira participativa e adaptada á súa idade.

O primeiro dos grupos reunirase os martes, de 18.30 a 19.30 horas, e estará orientado preferentemente a nenas e nenos de entre 6 e 8 anos. O segundo desenvolverase os venres, de 19.00 a 20.00 horas, e estará destinado á rapazada de entre 8 e 10 anos aproximadamente.

Cada club contará cun máximo de dez participantes para facilitar o desenvolvemento das sesións. No caso de que se reciban máis solicitudes das prazas dispoñibles, a biblioteca estudará a posibilidade de abrir un novo grupo, en función do número de nenos e nenas interesados.

As familias que desexen inscribir os seus fillos ou fillas deberán enviar un correo electrónico ao enderezo bbibliosansa@hotmail.com, indicando o nome e apelidos do neno ou nena, a súa idade e o día no que asistiría ao club.

Este mesmo contacto está dispoñible para resolver dúbidas ou achegar suxestións sobre a actividade.  Ademais, tamén é a principal vía de contacto para unirse ao club de lectura de persoas adultas; Calquera persoa que queira integrarse no grupo só ten que enviar un correo ou pasar pola biblioteca. Neste caso non hai un horario fixo, senón que é o propio grupo quen decide cando xuntarse segundo van rematando as lecturas propostas.

A biblioteca, premiada de novo nos María Moliner
A posta en marcha dos clubs coincide coa selección da biblioteca municipal de San Sadurniño no concurso de proxectos de animación á lectura María Moliner, convocado polo Ministerio de Cultura para municipios de menos de 50.000 habitantes. A proposta presentada polo Concello de Sa Sadurniño figura entre os proxectos beneficiarios da convocatoria de 2026, cunha axuda de 2.777,77 euros.

O certame recoñece iniciativas de promoción da lectura impulsadas desde as bibliotecas municipais. Nesta edición, a proposta de San Sadurniño obtivo 79 puntos na valoración da comisión, que tivo en conta aspectos como o interese e a claridade do proxecto, o seu impacto, a colaboración con outras entidades e o ámbito no que se desenvolve.

Este recoñecemento supón un novo impulso para a programación da biblioteca municipal e para as actividades que buscan achegar os libros á veciñanza desde idades temperás, como os clubs de lectura que comezarán a funcionar este outubro.

Lea también

Ortigueira apoya a las familias con la nueva convocatoria de ayudas a la natalidad

En esta edición de 2026, ocho familias fueron beneficiarias de un un total de nueve …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *