Redenerxía convoca en Ortigueira unha xornada sobre comunidades, enerxía e desenvolvemento local

Aberta a inscrición para o foro “Máis alá dos parques eólicos: comunidades e territorio”. Seitura 22 organiza o sábado 21 de novembro, no marco da proxecto de cooperación Redenerxía, a xornada “Máis alá dos parques eólicos: comunidades e territorio”.

Da man do Observatorio eólico de Galicia (OEGA), e co Concello de Ortigueira como anfitrión, a iniciativa porá o foco nas oportunidades asociadas á repotenciación dos parques eólicos, e nas opcións reais de que as comunidades de montes se convertan en promotoras da súa propia enerxía.

Está aberto o prazo de inscrición a través da web redenerxia.gal. O centro social de San Adrián acollerá, entre as 10:30 e as 13:15 horas, esta xornada, que contará coa presenza do director xeral de Planificación enerxética e minas, Pablo Fernández, e do alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín.

Nela non faltará o repaso de experiencias levadas a cabo en distintos puntos de Galicia e máis o debate. Tras a presentación, a cargo do xerente de Seitura 22, Miguel Teixido, o catedrático de economía aplicada Xavier Simón, do OEGA, falará sobre “Por que ir máis aló?” dos parques eólicos, leit motive da sesión, na que se porán sobre a mesa os desafíos e as posibilidades que abren os procesos de negociación vencellados ao repotenciamento dos parques eólicos para os territorios afectados.

Nesta liña, avaliaranse as oportunidades que poden xurdir para as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), as asociacións veciñais, persoas propietarias, e outros grupos interesados.

O público asistente terá ocasión de coñecer de primeira man, a través de breves intervencións, experiencias como a da “Repotenciación en oito CMVMC na Serra de Covelo” na comarca da Paradanta, así como a distintas “Comunidades de Montes e tamén enerxéticas”, como a Comunidade enerxética de Buchabade, en Ponte Caldelas, que produce a súa propia luz, ou a de Portabouza, en Arbo. Finalmente, haberá ademais tempo para o debate.

“Da repotenciación ás oportunidades comunitarias” tomará como punto de partida as dúbidas recollidas no marco do proxecto das asociacións e comunidades de montes dos territorios que abranguen os Grupos de Desenvolvemento Rural, que están detrás do proxecto de cooperación Redenerxía, enmarcado no programa Leader: Seitura 22, Terra Chá, Terras de Miranda e Ulla-TambreMandeo.

A xornada busca pois impulsar que as comunidades enerxéticas e as comunidades de montes desenvolvan todo o seu potencial como motor de desenvolvemento local, e de que sexan as propias comunidades as que decidan e lideren como a enerxía contribúe ao futuro dos seus territorios.

As persoas interesadas en participar nesta xornada gratuíta deben anotarse, a través do formulario online, dispoñible na sección axenda da páxina web www.redenerxia.gal

O proxecto de cooperación Redenerxía ten como finalidade activar novas iniciativas de enerxía comunitaria, e acompañar ata finais do 2027 ás comunidades xa existentes, ofrecéndolles apoio técnico, xurídico e administrativo gratuíto. 

Lea también

Neda habilita ayudas municipales para el transporte de alumnado universitario y de FP

El Ayuntamiento de Neda activa la convocatoria de subvenciones, en régimen de concurrencia competitiva, para …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.