O galardón, concedido polo Tribunal Constitucional e o Centro de Estudios Políticos y Constitucionales, recoñece a súa monografía “La privación delderecho de sufragio pasivo por condena penal”.

A catedrática de Dereito Penal da Universidade da Coruña Patricia Faraldo Cabana acaba de ser galardoada co Premio Francisco Tomás y Valiente de ensaios sobre Constitución e Xustiza Constitucional 2026 pola súa monografía “La privación del derecho de sufragio pasivo por condena penal”.
O premio, convocado conxuntamente polo Tribunal Constitucional e o Centro de Estudios Políticos y Constitucionales (CEPC), recoñece anualmente unha obra científica, orixinal e inédita sobre a Constitución Española ou a Xustiza Constitucional. A resolución de concesión menciona que o traballo obtivo a máxima puntuación en canto a estrutura e metodoloxía, destacando o seu carácter innovador e aportación orixinal en relación ao eido do premio.
Tal e como explica a autora, “a monografía premiada aborda a privación do dereito de sufraxio pasivo como consecuencia dunha condena penal, no marco da análise das relacións entre a condena penal e a privación dun dereito básico nunha democracia representativa como é o dereito a ser elixido para cargos públicos”. A orixinalidade da abordaxe reside nunha metodoloxía que ten en conta tanto as inelexibilidades electorais por condena a pena privativa de liberdade, como a pena privativa de dereitos consistente na privación do sufraxio pasivo, que se ten aplicado cada ano a decenas de miles de persoas. A obra tamén abrangue “o estudo de casos que teñen suscitada unha considerable polémica pública e enfrontamentos entre os órganos do Estado, como o do deputado Alberto Rodríguez”.
Patricia Faraldo Cabana é catedrática de Universidade na área de Dereito Penal e está adscrita ao Departamento de Dereito Público da UDC. É, ademais, coordinadora do grupo de investigación Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI (ECRIM) da Universidade da Coruña, no que se desenvolven liñas de investigación relacionadas, entre outros ámbitos, coas penas privativas de dereitos, a xustiza penal e os desafíos contemporáneos do sistema penal.
O Premio Francisco Tomás y Valiente, instituído en 1996, ten como finalidade estimular os estudos académicos sobre a Constitución e a Xustiza Constitucional e honrar a memoria do historiador e xurista Francisco Tomás y Valiente, que foi maxistrado e presidente do Tribunal Constitucional.
O galardón correspondente á edición de 2026 está dotado con 12.000 euros.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.