A Universidade celebra o próximo xoves #OlaUDC, a xornada de benvida ao novo estudantado

Reunirá nos campus da Coruña e Ferrol máis de 70 stands para presentar os diferentes servizos, recursos e oportunidades que ofrece a comunidade universitaria.

Fuente UDC

A Universidade da Coruña celebrará o próximo xoves, 17 de setembro, unha nova edición de #OLAUDC, a Xornada de Benvida destinada a facilitar ao novo estudantado a integración á institución e achegarlle información sobre os servizos, actividades e recursos dispoñibles na universidade e na súa contorna.

A xornada desenvolverase de maneira simultánea no Estadio Universitario Mariña Dourada, no campus de Elviña da Coruña, e na Praza Central de Esteiro, en Ferrol, e dará comezo ás 11.00 horas.

En total, participarán arredor de 70 stands, que serán atendidos por persoal dos servizos, unidades e áreas da UDC, asociacións estudantís inscritas no Rexistro de Asociacións de Estudantes da Universidade da Coruña (RAE- UDC), centros de investigación, entidades colaboradoras de UDC Saudable e outras organizacións locais e autonómicas vinculadas á información e participación xuvenil.

Cada unha das entidades participantes presentará ao estudantado os seus obxectivos e funcións, así como a súa contribución á vida universitaria e á sociedade. Moitas delas desenvolverán actividades participativas e dinámicas lúdicas, como xogos e concursos tipo ‘Kahoot!’, co obxectivo de favorecer a interacción co alumnado.

Entre as propostas presentes nos dous campus figuran iniciativas de sensibilización e información relacionadas coa prevención de diferentes tipos de cancro, o voluntariado da Cruz Vermella, a prevención das drogodependencias, a nutrición e os hábitos saudables, a fibromialxia, a endometriose, os dereitos humanos ou a diversidade LGTBI, entre outras.

Ademais, a Dirección Xeral de Xuventude instalará unha mesa informativa na que o estudantado poderá tramitar o Carné Xove, mentres que a asociación ADOS desprazará unha unidade móbil para promover a doazón de sangue e órganos.

O programa incluirá tamén actividades exclusivas no campus da Coruña, entre as que destacan: probas de tiro con arco; obradoiros e actividades interactivas organizadas polos centros de investigación da UDC; mostra de material deportivo adaptado para persoas con discapacidade da Fundación ENKI; xogos e bolos promovidos pola asociación FETSAC; presenza da Federación Galega de Fútbol; amenización ao longo da xornada por parte da asociación CUAC FM; etc.

Sorteos e agasallos para o estudantado

Á chegada ao recinto, cada estudante recibirá unha tarxeta que deberá selar en, polo menos, oito stands nos que participe activamente. Só por participarrecibirá distintos agasallos promocionais da UDC, como bolsas, bolígrafos, pulseiras ou lanyards.

Como peche da xornada realizarase un sorteo de 50 suadoiros da UDC (30 na Coruña e 20 en Ferrol) e de tres caixas sorpresa con merchandising universitario (dúas na Coruña e unha en Ferrol).

A celebración rematará cunha actuación, consistente nunha sesión DJ da Duendeneta, que estará desde as 14:00 ás 16:00 horas en ambos campus, e será a encargada de pór o broche final a unha xornada deseñada para que o novo estudantado coñeza de primeira man a vida universitaria e as múltiples oportunidades de participación, formación e lecer que ofrece a Universidade da Coruña.

Lea también

El rector de la UDC urge financiación autonómica para gastos estructurales y defiende el control sobre las cuentas

La institución académica inicia el curso con 42 grados, más de 13.000 estudiantes y con …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *