O deputado do BNG e candidato á alcaldía de Ferrol defenderá este venres 18 no Parlamento unha iniciativa para desbloquear un proxecto pendente desde hai máis de 25 anos.
O deputado do BNG e candidato á alcaldía de Ferrol, Mon Fernández, defenderá este venres, 18 de setembro, no Parlamento de Galiza unha iniciativa para reclamar á Xunta que impulse con urxencia a tramitación do soterramento da liña de alta tensión de 132 kV que percorre o litoral de Caranza.
Fernández lembra que esta actuación leva máis de 25 anos pendente e considera necesario avanzar xa nunha solución. Trátase, ademais, dunha das principais zonas de lecer e esparexemento do barrio, cunha importante afluencia diaria de persoas.
“Falamos dunha actuación pendente desde hai máis de 25 anos. Non é razoábel que unha liña de alta tensión continúe sobrevoando unha das zonas máis concorridas de Caranza. Cómpre lembrar que o propio proxecto de rehabilitación do litoral xa facía fincapé na necesidade de soterrar a liña e eliminar os tendidos aéreos polo risco que supuñan”, sinala Fernández.
A iniciativa insta á Xunta a actuar diante das empresas eléctricas responsables para avanzar na tramitación do soterramento da liña que une as subestacións de Cornido, en Narón, e Navantia, en Ferrol, ao seu paso polo litoral de Caranza.
A formación nacionalista pon especialmente o foco na seguridade. A liña atravesa unha zona de alta densidade urbana e de intenso uso recreativo e residencial, próxima á praia, aos paseos e a outros espazos utilizados a diario pola veciñanza de Ferrol. Trátase, ademais, dunha contorna moi transitada por visitantes e peregrinos, o que incrementa aínda máis a afluencia de persoas nesta parte do litoral.
A propia iniciativa recolle que a presenza da liña xera unha percepción de incerteza e risco entre a veciñanza e condiciona o uso cotián desta parte da costa.
O deputado nacionalista reprocha á Xunta a falta de implicación para facer realidade o soterramento e lembra que a actuación leva décadas sobre a mesa sen que se teña materializado unha solución.
O BNG chama tamén a atención sobre o impacto paisaxístico das torres e dos tendidos aéreos. O soterramento permitiría mellorar a integración da liña na contorna urbana e facilitar futuras actuacións de rehabilitación, reordenación do litoral e mellora dos espazos públicos de Caranza.
A proposta reclama, ademais, que a tramitación se desenvolva cumprindo a normativa ambiental e paisaxística e que conte coa participación pública, coa consulta previa aos concellos de Ferrol e Narón e coa veciñanza afectada.
“Queremos que esta iniciativa sirva para desbloquear definitivamente o proxecto e dar resposta a unha demanda histórica de Caranza. E queremos que se faga de xeito transparente, contando con todas as persoas afectadas”, conclúe Fernández
Pódese ver aquí o vídeo de Mon Fernández desde Caranza:
https://www.instagram.com/
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
