O BNG de Narón reclama a compra da histórica Casa de Chamorro ao concello para uso público.

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Narón rexistrou unha moción para o seu debate no pleno na que solicita que a administración local inicie os trámites para adquirir o inmoble do antigo Colexio de Chamorro. Esta propiedade, situada na estrada de Castela e con data de construción de 1931, atópase actualmente pechada tras o traslado da actividade da entidade ás súas instalacións do Val.

A formación nacionalista lembra que o edificio acolleu desde o ano 1964 o labor da Asociación Nosa Señora de Chamorro, creada por un grupo de familias para ofrecer educación e atención a nenos e nenas con discapacidade intelectual. O constante crecemento do número de usuarios e a necesidade de dispoñer de espazos máis accesibles e amplos levaron á entidade a trasladar a súa actividade ao Val, onde desenvolve o seu traballo a través dun centro de día, un centro ocupacional e unha escola especial.

Desde o BNG subliñan que a asociación puxo á venda o antigo edificio co obxectivo de obter fondos que se destinarán integramente á construción dunha residencia para os seus usuarios, polo que o diñeiro da transacción tería un retorno directo en beneficios sociais para o municipio.

Neste sentido, a iniciativa do BNG procura evitar o abandono deste patrimonio histórico e protexer o valor social que sempre tivo a propiedade. A moción argumenta que a adquisición da casa e da súa ampla finca permitiría desenvolver un proxecto de mobilidade urbana sostíbel capaz de conectar os barrios máis populosos de Narón, como son O Alto, A Solaina e A Gándara, creando un novo punto de encontro para a veciñanza.

Así mesmo, a proposta contempla que o edificio rehabilitado poida albergar diversos servizos municipais, entre os que se inclúe a posibilidade de situar alí o Centro de Información á Muller (CIM). Do mesmo xeito, o BNG expón que o inmoble podería ceder espazos á propia Asociación Nosa Señora de Chamorro ou a outras entidades sen ánimo de lucro do concello.

Con todo isto, a moción presentada pola formación nacionalista instará ao pleno municipal a iniciar conversas coa dirección da asociación para concretar a compra do inmoble e a encargar un proxecto de mobilidade sostíbel e de rehabilitación para o edificio.

Lea también

Pedroso convértese este domingo no epicentro político e festivo de Terra Galega coa súa Festa do Río

Máis de medio milleiro de militantes e simpatizantes compartirán un xantar de confraternidade, música en …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *