O BNG entende como unha burla a reunión «da comisión de seguimento do dique flotante»

BNGO Consello comarcal do BNG enviou aos medios de comunicación a seguinte nota en relación á reunión de hoxe luns  sobre o dique flotante: «Perante a reunión da denominada “comisión de seguimento” do dique flotante – da que o BNG anunciara o pasado mes de Decembro a retirada do alcalde de Mugardos – que se vai celebrar o vindeiro luns, o BNG reitera a súa crítica ao formato escollido polo goberno do estado, Xunta e alcaldía de Ferrol para tentar ocultar a falta de compromiso real para o dique flotante e, en definitiva, para fixar unha folla de ruta clara na defensa do sector naval da ría.

Logo de catro reunións celebradas, o PP – sexa via SEPI ou gobernos central, galego ou ferrolán – segue nunha senda de engano permanente ao conxunto da comarca, que vai paralela ao desmantelamento progresivo e práticamente total da industria auxiliar; e que xa ameaza claramente ao plantilla da principal. Desde a chulesca visita do presidente da SEPI en Abril do pasado ano, a utilización dos “contratos pantasma” con PEMEX por unha banda, e a utilización da “comisión de seguimento” como manobra de distración, foron unha burla ao conxunto da comarca; que esixen un mínimo de dignidade para non participar nesta noxenta operación.

O BNG cualifica de chamativo que neste debate se escape como do lume do que, paradoxalmente, é o transfondo da situación actual do naval na ría; que non é outro que o mantemento do veto á construción naval convencional. Así se explica o acontecido coa polémica das declaracións institucionais – o papel pode con todo – do pasado ano, que o PP utilizou como un paraugas para esvair as súas responsabilidades na actual situación.

Neste contexto desde o BNG, fuxindo da utilización partidista que outros están a facer do naval, entende que só cabería agora unha última posibilidade de que o PP concretáse un compromiso real a respecto do naval; incluindo unha partida específica nos orzamentos da Xunta agora en debate, e prantexando unha folla de ruta con iniciativas políticas para o levantamento do veto e a conseguinte dotación de carga de traballo. Para iso, desde o Grupo parlamentar introducíronse dúas emendas ao documento orzamentario nas que se propón unha partida de 25.000.000 euros para o dique flotante no ano 2013 e con carácter plurianual como compromiso adquirido para con esta comarca na cofinanción do devandito dique; ademáis doutra partida de 2.000.000 de euros para o centro de reparacións da ría de Ferrol, algo imprescindíbel para a aposta decisiva para a área de reparacións.

En paralelo, o mesmo luns o Consello Comarcal do BNG analizará as iniciativas políticas e sociais a desenvolver para artellar un amplo movimento da cidadanía da comarca a prol do levantamento do veto á construción naval na ría, que actúe como un elemento de presión – e non de contención – fronte á incompetencia do goberno do estado, a inactividade da Xunta e a complicidade do concello de Ferrol.»

 

Lea también

Fernández Vila subraya en Ferrol que «Galicia quiere estar en la primera subasta de megavatios de eólica marina»

El presidente del Clúster, José Ramón Franco, señala que “la eólica marina flotante es una …