A Biblioteca de Narón prepara dúas actividades gratuitas do programa «Veráns de Lecer Consumo»

As propostas, dirixidas á rapazada de 3 a 12 anos, achegan o consumo responsable e o lecer activo a través de xogos e dinámicas participativas.

Biblioteca municipal de Narón-archivo

A biblioteca municipal de Narón acolle o próximo venres 28 de agosto dúas actividades gratuítas enmarcadas no programa «Veráns de Lecer Consumo», unha iniciativa da Xunta de Galicia impulsada a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (LCG).

As propostas, dirixidas á rapazada de 3 a 12 anos, teñen como obxectivo achegar aos máis pequenos cuestións relacionadas co consumo responsable, os dereitos das persoas consumidoras e usuarias e o lecer activo, sempre a través de dinámicas lúdicas e participativas.

Dúas propostas segundo idades

Ás 11:00 horas terá lugar «Xogueteando: un lecer diferente!», unha actividade pensada para nenos e nenas de 3 a 6 anos baseada en xogos alternativos e colaborativos, na que descubrirán formas de practicar un consumo responsable e gozar dun lecer activo. A proposta tamén incidirá na importancia dos xoguetes seguros e sen riscos.

Ás 12:30 horas será a quenda de «A xincana do consumo responsable», dirixida a nenos e nenas de 7 a 12 anos. Nesta xincana, os grupos deberán superar diferentes probas relacionadas co consumo responsable, sostible e consciente, ao tempo que se familiarizan cos seus dereitos como persoas consumidoras e usuarias.

Para participar en calquera das dúas actividades é necesario dispor do carné da biblioteca e ter a idade indicada para cada proposta. As reservas de praza poderán realizarse a partir do luns 24 de agosto, ás 18:00 horas, de xeito presencial na propia biblioteca ou a través do teléfono 981 38 21 73, en horario de apertura.

O Concello lembra que todos os nenos e nenas deberán estar acompañados en todo momento por unha persoa adulta.

Lea también

Narón pon en marcha tres iniciativas de reforzo educativo

As tres propostas, impulsadas polo Servizo Sociocomunitario Municipal, buscan fortalecer as competencias educativas e o …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *