Moeche prepárase para o ‘V Trail dos Irmandiños’

O Club Deportivo 21 Leguas organiza por segundo ano consecutivo a proba, que reune este 22 de agosto máis de 400 participantes no marco do Festival Irmandiño.
 
Fuente Concello de Moeche, foto arquivo
Moeche volverá ser un punto de encontro entre deporte, natureza, cultura e solidariedade coa celebración do V Trail dos Irmandiños Castelo de Moeche, organizado polo Club Deportivo 21 Leguas e integrado na programación do Festival Irmandiño.
 
A proba, con saída e chegada nas inmediacións do Campo do Festival, en San Xurxo de Moeche, reunirá xa máis de 400 persoas inscritas nas diferentes modalidades, procedentes de distintos puntos de Galicia e doutros lugares.
 
O programa deportivo comezará ás 9:30 có Trail Longo, a Andaina e a modalidade de Parellas Longo. O percorrido longo contará con 16,5 quilómetros e arredor de 700 metros de desnivel positivo, mentres que o Trail Curto terá 12 quilómetros e aproximadamente 500 metros positivos. A xornada completarase coas probas infantís, dirixidas ás categorías Xabarís, Raposos e Esquíos.
 
Un dorsal para correr tamén pola solidariedade. Hai un dorsal especialmente importante para a organización: o Dorsal 0, que este ano ten nome propio: Deleción 1p36.
 
A iniciativa está dedicada a dar visibilidade á síndrome de deleción 1p36, unha enfermidade rara que afecta ás persoas e familias que conviven con ela e que precisa de maior coñecemento, apoio e investigación. O Dorsal 0 está vinculado á Asociación de Afectados de Deleción 1p36 – España, e permite que persoas que non participen nas carreiras poidan sumarse igualmente á causa mediante un donativo.
 
A elección desta causa ten tamén unha historia detrás. André, un neno dunha compañeira do club, convive con esta enfermidade, e o 21 Leguas quixo converter o Trail dos Irmandiños nunha oportunidade para acompañar á súa familia e contribuír a facer visible unha realidade que continúa sendo descoñecida para boa parte da sociedade.
 
Deste xeito, o club volve demostrar que para 21 Leguas correr nunca é só correr. “Non somos só un club deportivo: tentamos facer sociedade”.
 
Esta é precisamente a filosofía coa que naceu e medra o Club Deportivo 21 Leguas, unha entidade que actualmente conta con arredor de 70 integrantes, cunha importante presenza de mulleres. De feito nesta ocasión haberá dueto mixto de speakers ,Abel Muiño ( mestre moi querido, en Moeche e compañeiro no clube) e Sonia Mauriz , unha das dúas speakers que hai en Galicia.
 
Os seus deportistas participan ao longo do ano en probas por numerosos puntos de Galicia, do Estado e tamén a nivel internacional. Pero, paralelamente á competición, o club promove iniciativas nas que o deporte se converte nunha ferramenta de participación social e solidariedade.
 
Así aconteceu coa súa participación na Candaina de Narón en apoio da protectora Cometa ou co reto de percorrer 200 quilómetros do Camiño dos Faros para dar visibilidade ás enfermidades raras. “Non somos só un club deportivo. Tentamos facer sociedade”, resume a entidade.
 
Nesa mesma maneira de entender o deporte encaixa a recuperación do Trail de Moeche. Esta será a segunda edición organizada polo Club Deportivo 21 Leguas, que decidiu asumir o reto convencido de que unha proba deportiva pode ser tamén unha maneira de poñer en valor un territorio, xerar encontros e fortalecer os vínculos entre as persoas. “Estamos convencidos de que o deporte é un dos mellores e máis sans xeitos de socialización, convivencia e coñecemento do entorno”, sinalan desde o club.
 
Unha invitación a coñecer Moeche
Para 21 Leguas, organizar o Trail dos Irmandiños é tamén unha maneira de abrir Moeche ao mundo do trail.
 
Os integrantes do club compiten habitualmente en numerosos lugares, polo que a organización quere aproveitar esa rede de amizades deportivas para convidar corredoras, corredores e clubs doutras localidades a achegarse á comarca, descubrir os seus camiños e paisaxes e compartir unha xornada cos veciños. “Fainos especial ilusión convidar aos corredores e ás organizacións deses lugares a coñecer a nosa terra e a convivir cos nosos”, explican.
 
O percorrido do Trail permitirá aos participantes descubrir o territorio de Moeche a través de camiños e pistas que combinan deporte, natureza e patrimonio. Unha experiencia que, para a organización, debe continuar tamén despois de cruzar a meta.
 
Por iso, desde 21 Leguas animan as persoas participantes e os seus acompañantes a quedarse en Moeche e desfrutar tamén do Festival Irmandiño, integrado nunha das celebracións culturais e festivas máis singulares da comarca. “Estamos seguros de que van desfrutar moito tanto do trail como do festival. O que non sabemos é se quererán irse”, brinca o club.
 
Deporte, cultura e comunidade
O Trail dos Irmandiños pretende así converter o 22 de agosto nunha xornada na que teñan cabida a competición e a participación popular, a solidariedade, o coñecemento do territorio e a festa.
 
Porque detrás dos quilómetros, dos desniveis e dos tempos hai unha idea que o Club Deportivo 21 Leguas quere reivindicar: o deporte pode servir para coñecernos, para coidarnos, para apoiar causas que o precisan e, sobre todo, para facer comunidade.
 
E este ano, en Moeche, esa comunidade terá tamén un dorsal moi especial: o Dorsal 0 Deleción 1p36, para que correr, camiñar ou simplemente colaborar sexa tamén unha maneira de dar visibilidade ás enfermidades raras e ás familias que cada día conviven con elas.

Lea también

105 pilotos se disputarán el ‘Rallye de Ferrol’ a partir del 21 de agosto

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, ha presentado la 57ª edición del Rallye …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *