FeC a través dun comunicado expresa o seguinte «No pleno de maio, por unanimidade, aprobouse desenvolver un marco de diálogo con todos os colectivos afectados e tomando como base a ordenanza tipo da Fegamp, co fin de aprobar unha ordenanza local de regulación do estacionamento de autocaravanas, caravanas e vehículos tipo camper».

«Este punto foi defendido de forma vehemente polo Partido Popular, amosándose favorable á redacción inmediata da mesma. Estando ás portas da fin do verán, queda demostrado que, ante un problema social que se pode cualificar de primeiro nivel, unha vez máis, o goberno local mira para outro lado, confiando en que os problemas se solucionen por si mesmos, ou levantando cortinas de fume interminables sobre as obras que son incapaces de rematar en prazo».
«Dende inicio de mandato o goberno local non soubo conciliar as diferentes sensibilidades dos colectivos afectados, nin dende o punto de vista pedagóxico, nin dende o punto de vista normativo, acudindo á improvisación cando a situación xa era límite, en medio da tempada estival, e facendo de Ferrol o foco mediático estatal por un conflito que non soubo abordar».
«A ausencia e abandono da ordenanza de regulación de estacionamento, malia a ser obxectivo a curto prazo da Axenda Urbana 2030 aprobada polo propio goberno, implicou que a única política real para restablecer a normalidade fose a colocación dunha sinalización sen máis cobertura normativa que de retazos non debatidos en ningún ámbito, e que non deu solución a un problema que se reitera cada verán».
«Xa no 2021 este asunto foi preocupación da Fegamp, que desenvolveu unha ordenanza tipo á que o goberno non se quixo sumar, pese a insistencia de Ferrol en Común, unha ordenanza que tiña como obxecto establecer un marco regulador que permitira a distribución racional dos espazos públicos e do estacionamento temporal ou itinerante dentro do termo municipal, coa finalidade de non entorpecer o tráfico rodado de vehículos, garantir a seguridade das persoas e a debida rotación e distribución equitativa dos aparcamentos públicos entre as persoas usuarias das vías públicas e doutros espazos de uso ou titularidade pública, así como fomentar o desenvolvemento económico do municipio, especialmente o turístico, en relación ao uso das autocaravanas, vehículos tipo camper e caravanas».
«Tendo xa un texto base normativo, que unicamente habería que adaptar ás particularidades da nosa cidade, faise incomprensible que non houbera nin un só avance co compromiso adquirido, xunto coa ampliación e modernización do preexistente na Malata, toda vez que a custa dos campos de céspede artificial, gañouse un novo espazo, e que non se dera inicio ao debate con todos os colectivos afectados».
Ferrol en Común «lamenta que a falta de compromiso e iniciativa estea dando lugar a unha conflitividade social que nunca foi tan acusada como este ano, e que a desidia do goberno provoque a estigmatización de todo un colectivo que, na súa inmensa maioría, se comporta de maneira cívica e respectuosa cos nosos espazos naturais».
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.