Carlos Blanco e Píscore gañan os premios da Mostra de Teatro Galego de Cariño

O municipio acolleu durante sete días un total de 15 representacións, con propostas de teatro, danza, circo, música, humor e maxia. Un terzo das funcións acadaron un cheo absoluto, e a asistencia ás funcións infantís alcanzou o 75% do aforo.

Compañía Píscore (Premio do Público na categoría infantil) | Concello de Cariño

O Concello de Cariño pechou de xeito “satisfactorio” a XLVIII edición da Mostra de Teatro Galego, un dos grandes eventos culturais do verán en Galicia. O evento, celebrado entre o domingo 2 e o sábado 8 de agosto, deixou un total de 15 espectáculos que levaron as artes escénicas a diferentes espazos da vila, principalmente o Auditorio Municipal e a Porta da Pulida. Como todos os anos, o peche da cita vén marcado tamén polo anuncio dos premios da convocatoria. Nesta ocasión, estes recaeron nas mans de Carlos Blanco (Premio do Público na categoría adulto) e nas da Compañía Píscore (Premio do Público na categoría infantil).

Ao longo de sete xornadas, a Mostra ofreceu unha programación diversa e pensada para diferentes públicos, con propostas de teatro, danza, circo, música, humor e maxia. As funcións familiares das mañás conviviron coas sesións nocturnas dirixidas principalmente a público adulto, nunha edición que volveu apostar pola variedade de formatos e linguaxes escénicas.

Premios
No apartado das votacións do público adulto, a obra gañadora foi A Penúltima, de Carlos Blanco. As votacións desta edición estiveron moi axustadas, con todas as obras moi próximas nas puntuacións e cunha valoración moi alta, o que evidencia a excelente acollida das propostas programadas.

Pola súa banda, no apartado infantil, a obra gañadora foi Concerto Singular, da Compañía Píscore, que repite o premio da edición anterior.

Asistencia

No que respecta á asistencia dos espectáculos para público adulto, os datos foron especialmente destacados: catro das funcións rexistraron cheo absoluto. Ademais, a quinta función acadou aproximadamente o 90 % da capacidade. No caso dos espectáculos destinados ao público infantil, a asistencia acadou o 75% da capacidade, mantendo tamén unha importante resposta por parte das familias e do público máis novo.

Estes resultados representan unha mellora con respecto á edición anterior, tanto no número de espectadores como na resposta do público. A isto súmase o incremento do 17 % na venda anticipada de bonos, un dato que reflicte o crecente interese pola Mostra e a fidelidade do seu público.

O balance desta 48ª edición deixa, polo tanto, datos moi positivos tanto no ámbito da asistencia como na valoración dos espectáculos. As elevadas puntuacións nas votacións, as capacidades acadados e o incremento na venda anticipada de bonos demostran que a Mostra continúa medrando e consolidándose ano tras ano.

Carlos Blanco (Premio do Público na categoría adulto) | Concello de Cariño

Próxima edición
Segundo explicou o concelleiro de Cultura, Andrés Balado, o balance desta 48ª edición da Mostra é “satisfactorio”, destacando que “un ano máis conseguimos que o teatro e as artes escénicas ocupasen un lugar protagonista na vida cultural de Cariño e de Galicia”.

O concelleiro agradeceu o traballo de todas as compañías, artistas, técnicas e técnicos que formaron parte desta 48ª edición “que co seu talento, profesionalidade e compromiso lograron facer de Cariño o epicentro das artes escénicas de Galicia”. Do mesmo xeito, agradeceu ao público a súa participación, o seu apoio e a magnífica acollida que dispensou a todas as obras e propostas desta edición.

Balado tamén puxo en valor a variedade dos espectáculos e a resposta do público, comentando que “a Mostra permite que as familias desfruten de propostas especialmente pensadas para elas durante as mañás e que, ao mesmo tempo, pola noite poidamos ofrecer espectáculos de gran calidade para público adulto e adolescente. Esta combinación é unha das claves para que a Mostra continúe medrando e mantendo o seu carácter aberto a toda a veciñanza e visitantes”.

A organización xa pon a mirada na 49ª edición, un novo paso cara a un fito histórico: os 50 anos da Mostra, unha traxectoria que evidencia a súa importancia na vida cultural de Cariño e a súa contribución á difusión e promoción do teatro e das artes escénicas galegas.

Lea también

La SAF inaugura en el Casino Ferrolano la exposición colectiva «Paisaje Gallego 2026»

Este miércoles la Sociedad Artística Ferrolana (SAF) ha inaugurado su exposición ‘Paisaje Gallego 2026’ en …