Mugardos adxudica por máis de 180.000 euros a renovación das beirarrúas de Os Corzás

Rúa Os Corzás- Mugardos. For. archivo

O Concello de Mugardos adxudicou as obras de renovación dos pavimentos das beirarrúas na rúa Os Corzás á empresa Electricidad Permuy S.L., por un importe de 180.259,33 euros (IVE incluído). A actuación está incluída no POS+ Adicional 2/2025 da Deputación da Coruña. A intervención desenvolverase no tramo comprendido entre o cruzamento de Catro Camiños e a avenida de Galicia, unha vía de acceso a equipamentos municipais como o CEIP Unión Mugardesa e a propia Casa do Concello.

As obras permitirán renovar unhas beirarrúas que presentan deterioros derivados do paso do tempo, do uso continuado e das condicións meteorolóxicas, con fochancas e fendas que dificultan o tránsito peonil. O proxecto contempla a substitución do pavimento actual por un novo firme de formigón, a renovación dos bordos e a adaptación dos elementos existentes.

Tamén se executarán pasos de peóns e pavimentos táctiles para mellorar a accesibilidade, así como actuacións de sinalización viaria, adaptación de sumidoiros e recolocación dos elementos afectados. Os traballos contribuirán a reforzar a seguridade, a comodidade e a continuidade dos itinerarios peonís nesta zona do núcleo urbano. O prazo estimado de execución é de catro meses desde a sinatura da acta de comprobación do replanteo. O inicio das obras producirase unha vez se formalice o contrato e se complete a documentación previa necesaria.

O concelleiro de Obras, Jorge Kuntz, destacou que “esta actuación permitiranos mellorar unha rúa de uso diario para moita veciñanza e para as persoas. Apostamos por espazos públicos máis seguros, accesibles e cómodos para todos e todas”. Esta intervención forma parte do traballo de mantemento e mellora progresiva das infraestruturas municipais, atendendo ás necesidades detectadas na vía pública e avanzando na mellora da calidade de vida da cidadanía.

Lea también

Finalizan en Neda los trabajos de construcción de la nueva rotonda de Xuvia

Finalmente han concluido las obras de la rotonda de Xuvia, una intervención solicitada por el …