Fene renderá homenaxe a Moncho Reboiras cun monolito dedicado á súa memoria

Paseo Marítimo de San Valentín. Archivo

O Concello de Fene celebrará este martes, 11 de agosto, ás 13.00 horas, un acto institucional de homenaxe a Xosé Ramón «Moncho» Reboiras Noia, coincidindo coa conmemoración do 50 aniversario da sua morte.

O acto consistirá na inauguración dun monólito dedicado á súa memoria, situado no Paseo Marítimo de San Valentín, e está organizado polo Concello de Fene en colaboración coa Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Terra e Tempo, a Fundación Galiza Sempre, a CIG e a Comisión Organizadora do 50 aniversario.

Moncho Reboiras está considerado unha das figuras máis relevantes do nacionalismo galego contemporáneo e do movemento obreiro en Galiza. Entre outras responsabilidades, foi impulsor da Fronte Obreira da UPG e participou na creación das primeiras estruturas organizativas do sindicalismo nacionalista galego, un proceso que anos despois daría lugar ao nacemento da Confederación Intersindical Galega.

Na madrugada do 12 de agosto de 1975, Reboiras foi abatido en Ferrol durante un amplo operativo policial. A súa morte converteuno nun símbolo da loita polas liberdades democráticas, polos dereitos da clase traballadora e pola defensa da identidade nacional de Galiza.

Coa instalación deste monolito, o Concello de Fene súmase ás iniciativas promovidas con motivo deste aniversario, contribuíndo a preservar a memoria dunha «figura fundamental da historia política e social do país«. Desde a organización convídan á veciñanza a participar neste acto de lembranza e recoñecemento, aberto ao conxunto da cidadanía.

Lea también

Ortigueira cierra una exitosa temporada de verano en sus playas

Los arenales del municipio no registraron incidencias de gravedad durante el periodo estival. Los dispositivos …