A Deputación da Coruña inviste 480.000€ en 48 bolsas para impulsar a formación de investigadores e artistas

Valentín González Formoso recibiu no Pazo Provincial ás persoas beneficiarias das bolsas de investigación e de perfeccionamento de estudos artísticos, dotadas con 10.000 euros cada unha. Destacou “a importancia de apostar polo talento da mocidade e apoialo para que poda medrar”.

O Pazo Provincial acolleu o acto de entrega do diplomas das bolsas de investigación e de perfeccionamento de estudos artísticos que convoca a Deputación da Coruña, das que este ano se benefician 48 persoas da provincia.

A institución provincial destina a esta convocatoria un investimento total de 480.000 euros, cunha achega de 10.000 euros para cada unha das persoas beneficiarias, co obxectivo de facilitar que poidan completar a súa formación, desenvolver proxectos de investigación ou perfeccionar os seus estudos artísticos dentro ou fóra de Galicia.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, foi o encargado de recibir ás bolseiras e bolseiros no Pazo Provincial, onde destacou “a importancia de apostar polo talento da nosa provincia e apioalo para que poida medrar”. Formoso subliñou que estas bolsas “permiten que os mozos da provincia da Coruña podan formarse nos mellores centros e a desenvolver as súas investigacións cun apoio económico axeitado”.

A convocatoria inclúe dúas modalidades. Por unha banda, as bolsas de investigación, cun total de 20 axudas e un investimento de 200.000 euros, abranguen áreas de coñecemento moi diversas: artes e humanidades, con 5 bolsas; ciencias da saúde, con 4; ciencias sociais, xurídicas e estudos de xénero, con 5; ciencias, con 4; e arquitectura e enxeñaría, con 2.

Pola outra, as bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos suman 28 axudas, cun investimento de 280.000 euros. Neste caso, están dirixidas a persoas vinculadas ao audiovisual, con 3 bolsas; á danza e ás artes do movemento, con 3; á ilustración e ás artes plásticas e visuais, con 4; á música, con 15; e ao teatro e á interpretación escénica, con 3.

Formoso definiu este programa como “un investimento na Galicia de mañá”, porque detrás de cada bolsa “hai unha historia de esforzo, de capacidade e de superación á que a Deputación quere contribuír” e lembrou que persoeiros da talla de Díaz Pardo iniciaron a súa carreira artística cunha destas bolsas da Deputación da Coruña.

O presidente lembrou tamén que nos últimos anos a convocatoria medrou tanto no número de bolsas como na súa dotación económica. Pasou de 40 a 48 axudas e a contía de cada unha incrementouse de 8.000 a 10.000 euros. “Formarse nos mellores centros custa cada vez máis, e investigar ou crear tamén require estabilidade económica. Por iso a Deputación está ao carón do noso talento, para que ningunha persoa con capacidade e ilusión quede atrás por falta de recursos”, afirmou.

Formoso concluíu trasladando os parabéns ás persoas beneficiarias e animándoas a aproveitar esta oportunidade “para seguir medrando, aprendendo e levando o nome da provincia da Coruña alí onde desenvolvan a súa carreira”.

Lea también

Inscripción abierta en los talleres de cerámica que impulsa Valdoviño en el Pantín Classic

El Ayuntamiento de Valdoviño organiza este año, en el marco de la programación del Abanca …