A solidariedade das persoas e os profesionais da Área Sanitaria de Ferrol-ASF realmente abrigou coa recollida de máis de media tonelada, un total de 581 quilos de roupa.

Os profesionais do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol seguen a celebrar o 50 aniversario con diversos actos ó longo do ano no que implican ós e ás traballadores e a poboación en diferentes eidos; e nesta ocasión, apelaron á súa solidariedade. En colaboración con Cáritas, habilitouse durante todo o mes de xuño un punto de recollida de roupa, calzado e complementos no corredor principal deste centro hospitalario, para que calquera que quixera, profesionais e poboación, puideran depositar este material no mesmo.
Co chamamento, A túa solidariedade abriga, a Área participa en Moda re-, proxecto téxtil común de Cáritas “pensado para dar segundas oportunidades non só á roupa, senón tamén ás persoas e ao planeta”, explican.
Enviouse unha mensaxe a todos os e as traballadoras para que puideran contribuír con esta causa solidaria e ecolóxica de reciclaxe ó darlle unha segunda vida a eses elementos do vestir. Concretamente, especificaban na imaxe distribuída: Roupa de Adulto, Roupa Infantil, Mantas e Calzado. Realmente a seguridade abrigou. E a Área Sanitaria de Ferrol quere subliñar o agradecemento a todas e cada unha das persoas que depositou estes materiais para darlles unha nova vida.
Dende Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol, destacaron “a importancia desta colaboración convosco, esta iniciativa que tivestes o CHUF, dentro desta campaña de sensibilización, no voso 50 aniversario, porque é un xeito de que a xente coñeza o proxecto, xa que polo hospital pasan un elevado número de persoas cada día. A iniciativa tivo moi boa acollida porque foron máis de 580 quilos de roupa, os recolleitos nun mes”. E engaden, “non podemos máis que agradecervos o pensar en nós para esta iniciativa”.
Dende Cáritas lembran que “xeramos unhas 900.000 toneladas de residuos téxtiles ao ano, unha media de 20 quilos por persoa, das que só 108.296 toneladas ao ano recóllense de xeito selectivo. O modelo de Moda re- vai máis aló da recollida: xestiona o ciclo completo do téxtil usado, incluíndo clasificación, preparación para reutilización, reciclaxe, doazón e venda responsable”.
Actos ó longo do ano para agradecer e felicitar
A celebración do medio século da sanidade pública no Hospital Arquitecto Marcide do Complexo comezaba coa extensión dunha lona conmemorativa nunha das fachadas principais deste centro hospitalario, no mes de febreiro. No mes de marzo, un cubo de 2,50×2,50 metros con catro caras con imaxes das distintas etapas do edificio e a súa evolución arquitectónica e asistencial situábase no centro do corredor principal deste hospital.
Xa no mes de abril, tivo lugar unha sesión específica sobre a Voz coa especialista en Otorrinolaringoloxía do Complexo ferrolán, María del Río Valeiras, quen estivo acompañada neste ano especial polo barítono internacional, Borja Quiza, que naceu no Hospital Arquitecto Marcide nos seus primeiros anos de actividade, e que falou sobre a voz dende a súa propia experiencia. Foi nun encontro aberto ó público.
Nese mesmo mes de abril, producíase un evento nunca antes realizado nesta Área. A entrada do corredor principal do Arquitecto Marcide enchíase de promoción e prevención, e realizábase unha Feira da Saúde por e para os pacientes. Quen o desexou, por exemplo, puido facer un test de marcha, probas de espirometría, ou medir a tensión ou a glicosa, grazas ós profesionais sanitarios da Área que organizaron estas actividades. Era a primeira vez que se facían tantas probas para pacientes de xeito simultáneo, achegando o día a día sanitario directamente á poboación.
Xunto con isto, unha vintena de Asociacións de Pacientes que pertencen ó Consello Asesor de Pacientes da Área Sanitaria de Ferrol participaron todas xuntas con mesas informativas, algo nunca feito antes. Neste espazo, especialmente deseñado para eles as asociacións da comarca puideron compartir información, intercambiar ideas, e ofreceron a todo aquel que quixo información sobre a súa asociación, como facerse socio, e os servizos que ofrecen. Ademais, os asistentes a este encontro puideron igualmente coñecer de preto o programa de voluntariado ASF Acompaña, onde coordinadores e integrantes do programa explicaban como facerse voluntario no mesmo.
O mes de maio tiña ós e ás profesionais como protagonistas, un día deles e para eles. Unha xornada de agradecemento a todos aqueles que fan e fixeron posible a asistencia sanitaria nos últimos 50 anos neste centro hospitalario. “Moitas grazas polo teu traballo”, entregóuselles un pin conmemorativo a todos e cada un no día do traballador o 1 de maio. E, tamén, o acto de entrega de galardóns do concurso de Poesía e Microrrelatos. Por último, en xuño, apelábase á solidariedade e á prevención. Por unha banda, con esta campaña de recollida de roupa; e, por outra, coa sesión especial de Ollo á Eclipse, impartida en colaboración entre o físico Jorge Mira e a responsable do Servizo de Oftalmoloxía, Lola Álvarez, que tiña lugar esta mesma semana.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.