Narón celebra a XXVI Festa do Pemento do Couto o domingo 19

A nova edición desta festa gastronómica celebrarase o domingo 19 de xullo con demostración culinaria en directo, xantar popular e baile e cun  pregón a cargo  do xornalista e escritor Ramón Loureiro.
 
 
O Couto prepárase para vivir un ano máis a súa festa máis agardada. O Concello de Narón, xunto coa Asociación de Veciños do Couto e coa colaboración da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto e Agroflor, presentou este xoves a XXVI Festa Gastronómica do Pemento do Couto, que terá lugar o domingo 19 de xullo.
 
No acto estiveron presentes a edil de Festas, Mar Gómez, xunto co presidente da AVV do Couto, Ramón Couto, e Fran Pico, en representación da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto.
 
A cita volve poñer en valor o Pemento do Couto, un produto recoñecido coa Indicación Xeográfica Protexida dende 2010, e chega este ano cunha novidade no programa.
 
Ás 12:00 horas, antes do inicio oficial da xornada, haberá unha demostración culinaria con degustación a cargo da chef Cris Tizón. Ás 13:00 horas tomará a palabra a persoa encargada este ano de dar o pregón, o xornalista e escritor Ramón Loureiro, nun acto que xa é toda unha tradición desta festa.
 
Arquivo. Festa do Pemento do Couto- 2025
O groso da xornada chegará coa hora do xantar. A partir das 14:00 horas, na carballeira do Couto, serviranse racións de churrasco con pementos do Couto e cachelos, completadas con pan, auga, viño e café ao tizón, todo a prezos populares. Os tíckets poden recollerse no centro cívico social do Couto en horario de 18:00 a 22:00 horas, ou ben chamando ao teléfono 981 390 778.
 
A festa continuará pola tarde con xogos populares, que ás 16:30 horas compartirán protagonismo cos Cantos de Taberna do grupo A Xesteira de Narón. O peche chegará ás 17:30 horas co baile, que este ano amenizará Jorge Latino.
 
Mar Gómez destacou durante a presentación o arraigamento desta cita no calendario festivo do municipio: «O Pemento do Couto é xa unha seña de identidade de Narón, e cada ano demostramos que se pode seguir medrando sen perder a esencia que fai especial esta festa». A edil tamén puxo en valor o traballo conxunto entre o Concello, a veciñanza e os colectivos implicados, e animou a achegarse ao Couto para «gozar dunha xornada festiva arredor dun produto do que sentimos moito orgullo».
 

Lea también

Ferrol inicia las obras de la futura Cidade Náutica de A Cabana con una inversión de 1,7 millones de euros

El Concello de Ferrol ha iniciado este jueves las obras de la futura Cidade Náutica …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *