Xogadores de primeiro nivel, entre eles varios campións do mundo, exercen de monitores neste campus de tecnificación que complementa o hockey sobre patíns con outras actividades como piscina e paintball.
Narón acolle, por segundo ano consecutivo, o Campus Hockey Coruña Bargalló Cancela, coorganizado polo propio Campus Hockey Coruña, o Club Hockey Narón e o Concello de Narón. O pavillón polideportivo do Val volve ser o epicentro da actividade, que se desenvolve en dúas quendas dunha semana cada unha e conta, un ano máis, coa colaboración da Asociación de Veciños Irmandiños.
En total, máis de 200 nenos participarán este ano no campus, procedentes tanto de Narón como doutros puntos de España e Portugal.
Os participantes, nados entre 2007 e 2018, divídense por categorías de idade: mentres os maiores adestran na pista do Val, os máis pequenos alternan piscina e paintball, para despois trocar de actividade, de xeito que todos pasan por cada unha delas ao longo da semana. Alén do hóckey sobre patíns, o programa inclúe estas outras actividades complementarias.
Os participantes pernoctan na residencia Feal, en grupos separados de nenos e nenas, almorzan e cean no Quijote, e comen no propio pavillón, onde reciben o menú da man do servizo de catering. A organización destacou a implicación de toda a hostalaría naronesa e, de novo, da Asociación de Veciños Irmandiños, que colaboran activamente coa boa marcha do campus. O nivel de tecnificación é un dos selos de identidade deste campus.
Os monitores van desde xogadores que aínda compiten en categorías superiores até campións do mundo. É o caso de Jordi Bargalló, campión do mundo e actualmente segundo seleccionador nacional na categoría absoluta, ou do gardameta portugués Víctor Sousa, recoñecido internacionalmente no mundo do hóckey.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, visitaron este mércores ás e aos participantes, destacando o orgullo que supón para Narón consolidarse coma sede deste campus e agradecendo, un ano máis, o traballo do Club Hockey Narón ao longo de toda a tempada.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
